Coruña pon o ollar no mar cun programa de deportes náuticos

Compartir

O programa «Coruña no mar» celebrará en breve a súa primeira edición, co obxectivo, sinalan fontes municipais, de achegar os deportes náuticos á cidadanía. Trátase do primeiro programa deste tipo que ten lugar na cidade, e foi presentado hoxe pola edil de Deportes, Mónica Martínez.

A concelleira sinalou que pretenden «volver a nosa cidade cara ao mar» e salientou que «a costa coruñesa é unha instalación natural inmellorable, un pavillón azul que nos ensina a coñecer e aprender a querer e respectar o mar como fonte de riqueza, pero tamén como lugar de pracer, diversión e actividade física» .

O programa diríxese ás nenas e nenos (idade segundo a modalidade deportiva), a mocidade e a poboación adulta, co único requisito de saber nadar. As actividades de iniciación deportiva e lecer distribúense en dous bloques, cursos semanais intensivos (de luns a venres) e actividades de fin de semana quincenais (sábado ou domingo). En cada especialidade deportiva haberá nivel de iniciación e nivel de perfeccionamento. Para o curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter feito antes o de iniciación.

Os cursos e as actividades de “Coruña no mar” serán de balde. En total ofrécense un total de 738 prazas; 536 prazas semanais e 202 de fin de semana.

Os cursos semanais serán de surf (na praia do Orzán), paddle surf (no dique de abrigo), windsurf (na base náutica de Oza), piragüismo (tamén na base náutica de Oza), snorkel e foto subacuática (na praia de Santo Amaro) e vela lixeira (no club Marítimo de Oza, O Puntal).

As actividades de fin de semana serán kayak de mar (na base náutica de Oza), navegación costeira (na Dársena da Mariña), mergullo (no Club do Mar de Santo Amaro) e pesca fondeada (tamén no Club do Mar). As entidades colaboradoras serán: Prado surf, Marina Coruña, Club de vela Praia de Oza, Sociedade Deportiva As Xubias, Club do Mar de Santo Amaro, Vela Club Marítimo de Oza e Asociación Juan de Lángara.

As persoas interesadas deberán anotarse na web do Concello ou nas oficinas na Cidade Deportiva da Torre, Polideportivo do Barrio das Flores e Palacio de Deportes de Riazor. Para as actividades do mes de xullo, a inscrición poderá realizarse do 8 ao 14 de xuño. E para as actividades de agosto e setembro, entre o 5 e o 12 de xullo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *