Concello e Deputación acordan confinanciar a Casa de Acollida para Mulleres

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, asinou onte xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, un convenio de colaboración de máis de 422.674 euros para financiaren a Casa de Acollida para Mulleres (CAM) e os Pisos de Transición á Vida Autónoma (PITVAs), que conforman a Rede Municipal de Acollemento para as vítimas de xénero e as persoas que dependen delas. A rexedora destacou o «firme compromiso que este goberno mantén coas mulleres que son vítimas dunha lacra que non cesa». «Estes equipamentos públicos dálles un teito en que se sentiren a salvo de ameazas, un aloxamento transitorio para comezaren unha nova vida lonxe da violencia e dos seus maltratadores», reivindicou a alcaldesa.

A primeira das modalidades leva funcionando desde 1991 cun carácter residencial e temporal que está operativa as 24 horas dos 365 días do ano cunha capacidade para quince prazas e catro berces. Os PITVAs inauguráronse en 2013 a accédese a eles previo ingreso na CAM. Ofertan 11 vacantes e un berce. Na actualidade, seis menores e seis mulleres viven na casa de acollida, unha delas en condición de dependente da titular dunha das prazas. Outras catro están distribuídas nos pisos xunto a catro menores, o que fai un total de 20 persoas beneficiarias de ambos os servizos en que a Deputación se compromete a financiar os gastos de mantemento dos edificios, maquinaria e subministracións de gas, alimentación ou farmacia mais os relativos ao persoal. Pola súa parte, o Concello encárgase do funcionamiento dos recursos residenciais, do persoal mínimo para a súa posta en marcha e de valorar a demanda de acceso.

O acordo asinado corresponde cobre do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2020 e poderá prorrogarse anualmente ata un máximo de catro exercicios. Da totalidade do orzamento fixado en 422.674 euros, a Deputación achega o 28%, isto é, 120.926 euros, e 251.798 euros son asumidos na maior parte polo concello, que sufraga o 59,57% dunha partida en que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia participa con 49.950 euros.

Valentín Gonzalez Formoso afirmou que, con esta  achega económica, a Deputación «axuda a mellorar a vida dun colectivo especialmente vulnerable», como é o das mulleres que sofren a violencia machista. «Centros como as casas de acollida da Coruña, Ferrol e Culleredo, que a Deputación axuda a financiar son o primeiro lugar onde estas persoas poden descansar, estaren seguras e recibiren axuda» afirmou o presidente da Deputación, que destacou o «compromiso do Goberno provincial na loita contra a violencia de xénero».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *