Ata 220.000 euros de axudas para cooperación internacional

Compartir
A Deputación da Coruña destina 220.000 euros para financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento e cooperación exterior

O BOP vén de publicar o pasado día 12 a convocatoria das subvencións destinadas a ONGD e asociacións sen ánimo de lucro da provincia da Coruña para o desenvolvemento de proxectos de cooperación exterior en América Latina, o Caribe e África. As axudas están abertas a entidades que teñan o domicilio social na provincia da Coruña e organízanse en dúas liñas de financiamento distinta: actividades (130.000 euros) e investimentos (90.000). No caso das actividades, as entidades poden solicitar axudas por un importe máximo de 20.000 euros, mentres que en investimento o importe máximo será de 32.000. A achega da Deputación será de entre o 20% e o 80% do total de orzamentos de gastos estimado.

Mediante esta convocatoria financiaranse proxectos de resposta ás necesidades sociais básicas (atención sanitaria, nutrición, saúde reprodutiva e materno-infantil, educación infantil e alfabetización de adultos), á protección dos colectivos máis vulnerables (infancia e mocidade, mulleres, refuxiados e poboacións indíxenas), accións destinadas á solución de conflitos ou á protección e mellora da calidade medioambiental. Outorgaráselles prioridade aos proxectos que formen parte dun plan integral de desenvolvemento da área xeográfica onde se materialice o mesmo, así como a aqueles onde colaboren asociacións locais ou os proxectos presentados por agrupacións de ONGD.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, defendeu o papel da Deputación para «mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas» ao longo do mundo. O ente provincial colabora dende hai anos con programas como «Vacacións en Paz», para acoller a nenos saharauís durante o verán, ou «Viaxe cara á vida» da Fundación Tierra de Hombres para traer nenas e nenos de países como Togo, Benin, Senegal ou Mauritania para ser operados de cardiopatías no CHUAC, así como o programa de Ledicia cativa para que mocidade afectada na área do accidente nuclear de Chernóbil pasen as vacacións en concellos da Coruña.

Entre os programas que se impulsaron en convocatorias previas estiveron os de mellora de infraestruturas sanitarias ou educativas, ou a dotación de servizos básicos como o abastecemento de auga en países como Honduras ou a India.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *