As análises confirman a infección por coronavirus nun paciente procedente de Madrid

Compartir

Confírmase un caso positivo de coronavirus en Galicia no CHUAC. As análises realizadas no Servizo de Urxencias, que foron confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, a un paciente procedente de Madrid confirman a infección por coronavirus dun paciente. Trátase dun home de 49 anos, procedente de Madrid, que se presentou con sintomatoloxía respiratoria no servizo de urxencias do CHUAC e ao que se lle solicitou a proba de diagnóstico de COVID-19 ante a presenza dunha neumonía bilateral nun contexto clínico de infección vírica.

As autoridades autonómicas envían unha mensaxe de calma, ao sinalar que «a Dirección Xeral de Saúde Pública está seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios». A Xunta remarca que «hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus», e que «é importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus».

A detección deste caso, co contaxio sucedido en Madrid, non proba a circulación do COVID-19 por Galicia.

O Sergas lembra que Sanidade ten ao dispor da poboación o número 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. O primeiro número que se puxo para información sobre a doenza era o 902 400 116, un número de pagamento (ata 0,38 céntimos por chamada) que causou grande polémica e obrigou ao executivo a cambialo. Sanidade lembra que, de todos os xeitos, «para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas».

Rolda de prensa
A primeira hora da tarde compareceu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, xunto a Xuro Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía e a xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria da Coruña, María José Pereira. A Xunta reiterou a mensaxe de que a detección dun caso non significa que o coroavirus estea a circular por Galicia, xa que o contaxio se produciu fóra da comunidade. A Dirección Xeral de Saúde Pública está a censar a todas as persoas que mantiveron contacto durante a estancia da persoa afectada, a fin de tomar medidas de control para frear a expansión do virus. Durante as últimas semanas houbo 142 posibles casos, dos que só se confirmou finalmente este.

A Consellería xa ten listo un plan de continxencia

Pola súa banda, María José Pereira sinalou que a posibilidade de frear a propagación do virus aínda existe xa que nos atopamos «na fase de contención». En canto ao conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña fixo fincapé no reforzo do Sergas con 60 profesionais orientados a controlar a enfermidade, e anunciou un plan da Consellería para evitar a propagación do coronavirus. Este plan de contixencia é parecido aos das campañas da gripe, se ben o COVID-19 está nunha fase moi temperá de expansión.

Protocolo consensuado
Desde o comezo da alerta por coronavirus, consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.

Recomendacións
A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade. Lembra que «en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe». Neste sentido, recomenda unha limpeza exhaustiva das mans, con frecuentes lavados, «especialmente despois de tusir ou soarse», así como «cubrira o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado». Piden evitar tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *