“Arsenio: para nós, sempre serás o mellor”

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, entregoulle esta tarde a Arsenio Iglesias a placa coa que o concello lle outorga o título de fillo adoptivo nun acto no salón do plenos, en que acudiron familiares do ex adestrador así como representantes de todas as forzas políticas da Corporación e do Real Club Deportivo de La Coruña, e no que interviron os seus netos Ana e Pedro, os que falaron con emoción do seu avó.

Ana lembrou as outras tres familias de Arsenio, ademais da súa: a de Arteixo, en que é fillo predilecto, a deportivista e a coruñesa: “Nin con miles de goles nin con miles de títulos se paga o cariño ao meu avó”, nese xeito de entender a vida en que hai que saber gañar e perder. O seu curmán Pedro dixo que nas súas primeiras visitas a Riazor para ver “ao equipo de branco e azul
que é como lle chamaba eu ao Depor”, quixo saber cal era o sitio onde traballaba o seu avó. Contou que se sorprendeu cando viu unha pancarta no estadio que poñía en letras grandes “Arsenio: para nós, sempre serás o mellor” porque parecía que a escribiran os seus netos. Entendeu, tempo despois, que todo ese cariño que as cidadás e cidadáns lle profesan foi porque “lles fixo moi feliz”.

Rey dedicoulle tamén unhas palabras ao arteixán nas que recordou varias das frases que xa están gravadas na memoria da cidadanía. A rexedora afirmou que “Arsenio é querido en toda Galicia e España” e sinalou que “con este acto non facemos máis que oficializar o que se sente nas rúas da Coruña, onde se lle considera un faro e un símbolo”. Destacou que “en cada lección de fútbol, Arsenio nos regalaba unha lección de vida”. A súa traxectoria resume, dixo, a de todas e todos os galegos, parte da aldea e chega todo o lonxe que se propoña, “sen esquecer nunca que ‘hai que saber mirar atrás, ir con moito coidado e ter claro de onde vés’ como dixo unha vez e nós recordamos sempre”.


A alcaldesa lembrou que Arsenio sempre lle dixo que si cando o Deportivo o necesitou e falou desta distinción como tamén a de darlle unha rúa e poñerlle o seu nome aos campos da Torre como unha forma de agradecerlle “a Arsenio todo o que Arsenio coidou á cidade”. Engadiu que “foi profesional, pero non estivo nunca en venda. El demostrou que as cousas poden facerse doutro xeito, os que foron os seus xogadores así o recoñecen sempre. Na súa figura non só atoparon un sabio do balón, senón unha humanidade desbordante”, asegurou Rey.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *