Actualizada a cita previa no Concello

Compartir

Ante a situación creada pola pandemia da Covid-19, o Concello da Coruña pon en marcha un novo sistema de cita previa e de xestión de citas para lles facilitar ás persoas a súa relación cos distintos servizos da Administración local. A actuación enmárcase dentro da estratexia de transformación dixital deseñada polo goberno, adiantándose á súa implantación por mor das circunstancias actuais. «Esta é a primeira de moitas iniciativas de modernización tecnolóxica que poremos en marcha neste mandato», dixo o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

O pasado 18 de maio o concello retomou a atención presencial aplicando os protocolos de seguridade. Co fin de minimizar as molestias e de poder manter a calidade dos servizos instaurouse un sistema de cita de previa que lle facilita á veciñanza concertar a súa cita co servizo que precise mediante diferentes canles. Desde hai un mes pódense pedir citas a través da web municipal e tamén a través do 010. Agora, ademais, é posible facelo mediante un novo programa, incluído tamén na web municipal, que non precisa descargas e que se pode xestionar desde o teléfono móbil. O programa permite non só solicitar a cita escollendo entre os horarios dispoñibles, senón tamén xestionar e cambiar ditas citas de xeito telemático cando xorde algún imprevisto. Así mesmo, é posible tamén formalizar a cita chamando ao número de teléfono 881 50 51 01. O concello leva xestionadas máis de 7.600 citas desde que se reactivou a atención presencial.

O novo servizo está dispoñible nos catro rexistros e centros de atención cidadá de María Pita, Centro Ágora, Fórum Metropolitano e A Franxa e no vindeiro mes estenderase, entre outras, ás áreas de Urbanismo, Benestar Social e Deportes. Ademais, tamén é posible reservar xa desde a web hora e día para atención persoal nas oficinas de Urbanismo e Mobilidade.

Nos catro rexistros instaláronse mamparas para garantir a separación (11 na Franxa, 11 en María Pita, 4 no Centro Ágora e 3 no Fórum Metropolitano), así como dispensadores de hidroxel e sinalética no chan para manter as distancias e dirixir o tránsito polo interior dos locais. 

Do mesmo xeito, o concello tamén instalou outras 157 mamparas de separación repartidas entre os centros cívicos, bibliotecas, servizos administrativos e dependencias da Policía Local, lugares en que tamén existen dispensadores de hidroxel.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *