Acordo sobre taxas no Concello

Compartir

Moitos sectores económicos da cidade están a pasar unha mala situación, golpeados pola pandemia de COVID-19 e as restricións asociadas. Dende os partidos políticos téñense proposto alternativas que hoxe callaron no acordo que o Goberno local asinou coa Marea Atlántica e o BNG. Os tres partidos acordaron reducir un 100% o pago de taxas de lixo, auga e depuración durante o peche de locais e negocios en 2021 motivados pola pandemia.

José Manuel Lage Tuñas, voceiro municipal e concelleiro de Economía e Facenda, valorou positivamente un acordo que «en parte recupera o camiño que se abriu en xuño de 2019». Prometeu que este acordo é un primeiro paso para retomar pactos entre estas forzas. O voceiro do Goberno criticou a proposta que levou anteriormente o PP a pleno onde pedían «a ingresos cero, impostos cero» por estar «fóra do marco da legalidade». Lage Tuñas sinalou que este foi o motivo para procurar unha alternativa que dese resposta ás necesidades da veciñanza.

Polo acordo, o Goberno local comprométese a establecer unha segunda redución do 50% na cota que teñen que aboar as persoas autónomas, micropemes e pemes nos restantes períodos do ano 2021 en que a Xunta de Galicia decrete peches totais ou parciais como autoridade sanitaria. Neste paquete de medidas acordadas, incluiranse posibles beneficios fiscais que poidan minorar o impacto da crise económica derivada da COVID-19.

En concreto, o Goberno municipal axilizará a execución das liñas de axudas do PRESCO e iniciará de inmediato, en diálogo cos sectores afectados e os grupos municipais, os traballos para elaborar e aprobar novas medidas de reactivación económica e social para o ano que vén. Neste punto, reservarán un apartado específico de apoio aos establecementos afectados pola restricións horarias nocturnas, derivadas do estado de alarma, tales como as salas de concertos, os café-bares especiais e mais os locais análogos.

Deste xeito, constituirase unha mesa de diálogo, en que participarán todas as forzas da corporación, co comercio e a hostalaría da cidade co fin de avaliaren o desenvolvemento do PRESCO e recolleren as súas propostas e suxestións de cara a implantar novas determinacións.

O Goberno Municipal da Coruña comprométese tamén a introducir na súa proposta de modificación das ordenanzas fiscais para o ano 2022 os cambios precisos para prover dunha bonificación do 50% na tarifa establecida a núcleos familiares monoparentais, entendendo estes como os que se forman por un proxenitor ou proxenitora (nai ou pai) e un ou varios fillos ou fillas menores de 22 anos, ou cunha discapacidade dun 33% ou superior, ou incapacitadas/os para traballaren, con independencia da súa idade. Este límite de idade amplíase até os 25 anos nos casos en que cursen estudos universitarios ou de formación profesional de grao superior ou similares. Para cumprir os acordos que asinaron hoxe, o Goberno Municipal realizará os trámites necesarios antes do 31 de xaneiro de 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *