Acción municipal contra a infravivenda

Compartir
Fotografía: Concello da Coruña

Stop Desafiuzamentos A Coruña vén de xuntarse na mañá de hoxe coa alcaldesa da cidade, Inés Rey, e os edís Yoya Neira (Benestar Social) e Juan Díaz Villoslada (Vivenda). No encontro, colectivo e institución abordaron a situación municipal da vivenda á procura de puntos de contacto. Posteriormente, Neira asegurou que o Concello está a traballar nun «regulamento que lle permite a Emvsa efectuar unha convocatoria pública para captar vivenda, específica para a infravivenda, e que sairá á luz proximamente».

Os plans do Goberno municipal, segundo inciou a titular de Benestar Social, pasan tamén por «outra convocatoria para a captación de vivenda e axudas para a poboación que se encontra nunha situación máis normalizada pero que tamén require este tipo de axudas”. A edila engadiu que «os servizos técnicos do concello, tanto da Concellería de Urbanismo como da Asesoría Xurídica, van estudar como se poden articular estas medidas para fomentar que as vivendas baleiras se poidan poñer a disposición do alugueiro social ou mesmo que se poidan crear axudas para rehabilitar as vivendas nas que non vive ninguén e que se poidan poñer en servizo de aluguer». Neste sentido, recordou que «xa existen promocións de vivenda que van ser integramente para colectivos desfavorecidos como é o caso de Marqués de Pontejos e do Ofimático»

A membro de Stop Desafiuzamentos A Coruña Rocío Gómez Lema valorou positivamente a xuntaza, sinalando que o Concello da Coruña «está dotando de contido real relacionado coa vivenda a Emvsa e ata o de agora esta entidade abarcaba moitas áreas que non eran específicas do alugueiro». «Gómez Lema congratulouse da existencia dun organismo específico na administración xa que na Coruña se producen «dous desafiuzamentos ao día por impagamento de alugueiro».

Dende a plataforma declararon ter posto a disposición do concello «a información coa que contamos dunha moratoria que houbo ao respecto de familias vulnerables para non executar durante un tempo desafiuzamentos por impagamento de hipoteca». Moratoria que remata en maio de 2020, polo que destacan a «urxencia de aplicar o principio de prevención e que teñan en conta esta realidade».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *