«A xestión da pandemia pola Xunta demostrou a mercantilización da saúde dos maiores»

Compartir

Pablo Arangüena (1979), vicesecretario xeral do PSdG, encabeza a lista electoral socialista pola Coruña para as eleccións autonómicas do domingo. Avogado de profesión, foi deputado no Congreso na XIII e XIV lexislatura. Falamos con el sobre os retos pendentes da cidade, a actitude da Xunta nos últimos catro anos e a percepción dos socialistas sobre estas eleccións.

Que balance fai desta última lexislatura autonómica para a Coruña?
A ausencia de compromiso coa cidade por parte da Xunta foi total e absoluta. Aínda o outro día veu Feijoo facer un vídeo á Coruña para falar de todo o feito nestes anos, pero omitiu unha cuestión fundamental: o único investimento que tivo na Coruña foi unha pasarela peonil, a de Marineda. Por tanto, falamos dunha ausencia de compromiso coa cidade e cunha área moi dinámica. O balance que facemos é moi negativo, tanto para os intereses específicos da Coruña como para os xerais de Galicia, na medida en que a Coruña é un dos seus motores.

Que se xoga a Coruña o domingo?
Xógase que esa ausencia de interese e compromiso da Xunta de Galicia cambie. Xógase conseguir unha Xunta de Galicia, por tanto, aliada da cidade. Un Goberno galego onde a alcadesa Inés Rey atope un apoio no canto un atranco. Xógase que se faga unha aposta por parte da Xunta acorde co dinamismo da cidade e da súa área, que atenda aos sectores estratéxicos da cidade. E non podemos esquecer grandes proxectos de futuro para a Coruña como a Cidade das TIC ou o novo hospital, ou as comunicacións, por non falar do reforzo da sanidade pública ou as residencias xeriátricas, que fan falta. A xestión da pandemia probou unha nefasta xestión, demostrou unha privatización e mercantilización da vida e da saúde dos nosos maiores. Nós prometemos 2000 novas prazas de residencia públicas, e parte concretaríanse na Coruña, promesa que Feijoo non cumpriu. En xeral, a Coruña xógase ter un Goberno autonómico que aposte de forma decidida por temas estratéxicos para a cidade, e por darlle a preponderancia e a participación no investimento público galego que merece.

Cales son as expectativas electorais do Partido Socialista?
Nós temos unhas expectativas moi boas na cidade. Hoxe hai unha alcaldesa socialista nunha cidade que é progresista. No conxunto de Galicia remitímonos aos resultados das eleccións xerais do ano pasado, onde en ambos os dous procesos houbo un 55% de galegas e galegos que votaron a forzas progresistas. Aspiramos a que esa maioría socialista se repita nestas eleccións e se dea un cambio na Xunta de Galicia. Hai unha maioría social progresista latente. É certo que estamos a vivir unha situación insólita, unhas circunstancias anómalas. Pero estamos absolutamente convencidos de que a maioría progresista está aí, e se se mobiliza para este domingo haberá un cambio na Xunta de Galicia. O voto ao PSdG é o voto que multiplica e canaliza esa maioría, porque non hai outro cambio posible que o conformado e liderado polo PSdG con Gonzalo Caballero.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *