A Universidade presenta a reordenación do porto interior

Compartir

A universidade presentou esta mañá na comisión do Bordo Litoral o borrador do documento estratéxico da Zona 2 do Porto que lle encargou o Goberno local e en que se deseñaron as liñas mestras de cara á reordenación do espazo portuario interior, co fin de recuperar as relacións da cidade co mar e de resolver os problemas de mobilidade coa creación de espazos públicos. A proposta presentada hoxe, a da Zona 2, é a correspondente ao peirao de San Diego, porto petroleiro e terminal de mercadorías.

A alcaldesa, Inés Rey, cre que este estudo da UdC «permitirá abordar a desafección dos terreos do porto para reordenar este espazo público para a cidadanía». A rexedora entende que é necesario que todas as administracións competentes coñezan este documento para abordaren de forma conxunta o futuro dos peiraos». Rey lembra que todas as administracións implicadas xa foron convocadas a unha reunión co fin de trataren este asunto.

Neste senso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, tiveron esta mañá un encontro informal cun paseo pola Mariña coruñesa a modo de primeira toma de contacto institucional. Rey apuntou que Concello e Autoridade Portuaria reuniranse nos vindeiros días para «abordaren de maneira específica os temas que afectan a ambas as administracións». A alcaldesa agradeceulle a Fernández Prado que elixise o Concello da Coruña como «a primeira institución coa que se decidiu reunir» e asegurou que «é sintomático da normalización das relacións entre ambas as institucións que están chamadas a cooperar xunto co resto das administracións públicas para o futuro do Porto da Coruña, que non é outro que o futuro da cidade».

Proxecto Zona 2
Segundo a alcaldesa, o proxecto presentado hoxe pola UDC  en ambas as zonas é o punto de partida dun proxecto a longo prazo que debe involucrar a todas as administracións, a cidadanía e o tecido empresarial da cidade, xa que asegura que «xogamos o futuro da cidade, polo que é necesario chegar a un consenso político e interinstitucional aplicando un mecanismo que permita a participación da veciñanza neste proxecto».

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, que estivo presente na comisión de hoxe, sinala que «o estudo da UdC sinala que os terreos ocupados pola Zona 2, que se pretenden desafectar das actividades portuarias actuais, ocupan unha situación intermedia dentro da fachada portuaria, fronte a barrios anteriormente periféricos da cidade como Catro Camiños, A Gaiteira e Os Castros, e separados dos terreos portuarios pola avenida do Exército e o parque de San Diego. Por tanto, apuntan, son tres as subzonas que se deben abordar e transformar de xeito progresivo pero fundamentado nunha estratexia específica que responda a unha visión de futuro unitaria. Cada subzona poderíase iniciar por separado, en función da dispoñibilidade destes terreos.

Para a primeira das subzonas, a estación de mercadorías de San Diego, proponse o desenvolvemento urbano en continuidade co barrio de Catro Camiños, Parque Europa e ampliación do parque de San Diego, conservando na parada cementeira actual o acceso ao futuro ferrocarril urbano (unha nova pequena estación inserida no parque). As referencias existentes en que se inspiraría serían a área de Amézola, en Bilbao, ou Diagonal Mar, en Barcelona. Na segunda subzona, a do porto petroleiro, proponse o desenvolvemento residencial mixto de calidade de cara ao mar, como existe xa na illa de Zorrozaurre (Bilbao) ou no Greenwich Millennium Village (Londres). Canto á terceira subzona, a área industrial do peirao de San Diego, proponse a rexeneración integrada do espazo con usos mixtos e fomento de determinadas actividades económicas ligados ao mar, cun modelo de residencia singular, que se inspiraría no Distrito 22@ de Barcelona ou no Smart District dos Docklands, en Dublín.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *