A Universidade da Coruña terá unha Cátedra institucional especializada en industria 4.0

A Universidade da Coruña terá unha Cátedra institucional especializada en industria 4.0
Compartir

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director Executivo e CEO da empresa GHENOVA, Francisco Cuervas García, asinaron na Reitoría un convenio para a creación da Cátedra GHENOVA UDC de industria 4.0.

Esta Cátedra ten como obxectivo propoñer actividades de formación relacionadas coa industria 4.0 e as novas tecnoloxías implicadas como a robótica, analítica, intelixencia artificial (IA), tecnoloxías cognitivas, nanotecnoloxía e internet das cousas (Iot), así como desenvolver novo coñecemento mediante a investigación nestas áreas. Tamén promoverán actividades de divulgación nas empresas e na comunidade universitaria sobre a transformación industrial que supón a industria 4.0. En particular, fomentarase a relación de colaboración co Instituto Panamericano de Ingeniería Naval, que engloba ás institucións iberoamericanas deste ámbito.

A firma deste convenio é, segundo expresou o reitor, “un fito para o Campus Industrial de Ferrol xa que o desenvolvemento da industria 4.0 é un dos seus eixos de traballo”. Abalde apuntou que a Universidade aporta talento á sociedade, tanto en forma de coñecemento como de profesionais formados nas súas aulas, polo que é fundamental “ir acompañados pola empresa, como neste caso”.

Pola súa banda, o director Executivo de GHENOVA lembrou a longa vinculación que esta multinacional con sede en Sevilla ten con Galicia, con oficinas en Ferrol e Vigo con preto de 150 profesionais. “O noso compromiso con Galicia é total e esta é unha boa forma de devolverlle o moito que nos deu estes anos: o talento”, manifestou Cuervas. “Tanto a empresa GHENOVA como a Universidade da Coruña somos de perfil proactivo”, definiu o CEO da multinacional, polo que probablemente a colaboración entre ambas entidades se prolongará e ampliará no futuro, segundo aventurou o executivo.

Esta nova Cátedra, a número 15 das que actualmente ten a Universidade da Coruña, estará ligada á Escola Politécnica Superior e será dirixida polo profesor Luis Carral Couce.

A transformación industrial, opina Carral Couce, “moi posiblemente estará sustentada na fábrica intelixente, caracterizada pola interconexión de máquinas e de sistemas no propio emprazamento de produción. Tamén se apoiará nun fluído intercambio de información da fábrica intelixente co exterior, en aspectos tan variados como o nivel de oferta e demanda dos mercados, os clientes, competidores e outras fábricas intelixentes”.

“A aparición de novas tecnoloxías como a robótica, a analítica, a intelixencia artificial, as tecnoloxías cognitivas, a nanotecnoloxía e a internet das cousas marcarán o desenvolvemento desta etapa”, conclúe o profesor Luis Carral.

 

As Cátedras

As cátedras institucionais, patrocinadas polas empresas, permiten desenvolver actividades non lucrativas específicas de formación, de divulgación, de transferencia de coñecemento e de investigación nos ámbitos de interese común para a empresa e a Universidade.