A San Silvestre despútase online

Compartir

O ano da pandemia péchase cunha cita deportiva transformada para adaptarse á actual situación. A XI San Silvestre Coruña correrase como unha carreira solidaria e virtual. A proba presentouse esta mañá no pazo municipal de María Pita, coa participación da concelleira de Deportes, Mónica Martínez e representantes das entidades colaboradoras. «Calquera persoa, de calquera idade ou en calquera parte do mundo, poderá desfrutar da San Silvestre Coruña», destacou Martínez.

A inscrición será gratuíta, cunha posible doazón voluntaria dende cinco euros, destinados á Cociña Económica. A carreira realizarase despois de inscribirse a través da aplicación oficial, San Silvestre Coruña, para dispositivos Android e Apple, ou na páxina web. As persoas que participen poderán facer un dos percorridos habilitados, ou un libre, contabilizándoselles o mellor tempo conseguido.

Haberá tres tipos de percorridos: os oficiais (dúas distancias para escolares de 500 e 1.000 metros, 5 quilómetros e 10 quilómetros polo Paseo Marítimo), o Camiño Inglés (cun total de seis etapas) e o Reto Diversa Handbike. Durante todo o mes de decembro poderá facerse a proba, aínda que a inscrición pecha o día 26.

O ano pasado, a San Silvestre bateu récord con 4.650 corredores, ademais de 200 na infantil. Este ano a cifra pode mellorar, aínda que se celebre doutro xeito.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *