A Renda Social medra durante 2020

Compartir

O 2020, marcado pola maior crise sociosanitaria da historia recente, está a ser na Coruña un ano de reforzo da Renda Social Municipal. A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, puxo en valor hoxe o esforzo levado a cabo polo persoal do Concello pola tramitación e xestión da Renda Social Municipal. Neste momento, dixo, existen 246 rendas sociais activas, doce máis que no mesmo mes do ano pasado. Foi o mes de abril, con 42 altas, o de maior incremento.

No global do ano, ata o de agora, concedéronse un total de183 rendas, a segunda cantidade máis alta da historia deste programa, só 12 rendas por baixo do ano que máis se concederon, pero aínda quedan dous meses de concesións. Un dato que reflicte, explicou a concelleira, que “a este ritmo 2020 será o ano en que máis rendas sociais se concederán”.

Bolsas comedor
No que respecta ao programa das Bolsas Comedor, Neira sinala que o número de solicitantes de bolsa comedor con respecto ao pasado exercicio se incrementou nun 11,2% e un 46,6% con respecto a 2018, ano en que o 50% das solicitudes foron de renovación automática. Neira lembrou que, a pesar do elevado incremento de solicitudes, este foi o ano en que o período de tramitación foi o máis curto das catro últimas convocatorias, de xeito que o atraso foi debido ao parón de tres meses que se produciu polo estado de alarma e pola ampliación do prazo de solicitude.

A lista predefinitiva do servizo publicarase a mediados da próxima semana. Nesta lista, dixo, as persoas solicitantes xa saberán que a teñen concedida.

Liña social do PRESCO
Ademais, Neira sinalou a importancia da liña social do PRESCO que supuxo un incremento da partida da Renda Social Municipal en 150.000 euros, e da partida de emerxencia social en 700.000 euros. Súmanse aos convenios con entidades sociais para axudas de emerxencia social: 150.000 euros para Padre Rubinos e 150.000 para Cruz Vermella. Para continuar os labores de voluntariado no acompañamento de maiores destináronse 100.000 euros para Cruz Vermella, 75.000 euros para Cáritas e 75.000 euros para Renacer.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *