A reactivación económica, en mans da comisión de Facenda

Compartir

A alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, mantiveron esta mañá unha nova reunión co resto de voceiros s municipais para informar das últimas actuacións que o executivo puxo en marcha de cara a cubrir as necesidades da veciñanza máis vulnerable, e mais para abordar as achegas dos grupos da oposición ante a crise sanitaria actual.  

Na mesma xuntanza, a alcaldesa anunciou que o Goberno local convocará a finais desta semana a Comisión de Facenda, co obxectivo de pór en común e valorar as posibles medidas destinadas a dinamizar a economía local unha vez que finalice o estado de alarma. Desta maneira, o Goberno estudará xunto coa oposición as medidas económicas, coa idea de deseñar un paquete de medidas que poidan cumprir coas necesidades dos sectores produtivos da cidade. A idea é que desde María Pita se poida impulsar a recuperación e acurtar os tempos para que a actividade económica se recupere o antes posible. 

Así, entre outras medidas formuladas polo Goberno municipal, estudaranse novas axudas económicas que sirvan para reactivar os sectores máis prexudicados pola crise sanitaria.  

Para tal fin, o Goberno local, segundo explicou o voceiro municipal, abordará unha probable modificación do orzamento actual que permita adaptalo á nova situación e sirva para reforzar o emprego e as axudas sociais. Ademais, a rexedora destacou que é importante que as medidas que poida aprobar o Goberno municipal non se solapen coas actuacións futuras do Goberno de España e da Xunta de Galicia. Preténdese que sexan complementarias, de tal maneira que a colaboración das administracións faga menos difícil a volta dos negocios e das empresas ao nivel de actividade que tiñan antes da crise sanitaria.  

Durante a reunión, informouse os voceiros dos grupos da oposición dos novos dispositivos de emerxencia que se estableceron no pavillón de Riazor, que dispón agora dunha capacidade para 119 persoas sen fogar, así como da cantidade de equipos de protección cos que conta o Concello e os que ten previsto recibir nos próximos días.  

Tanto a alcaldesa, Inés Rey, como voceiro municipal, José Manuel Lage, destacaron o clima de diálogo e a actitude construtiva de todos os grupos políticos e agradeceron o seu apoio nestes momentos de crise. 

Propostas doutros partidos
O BNG presentou aos outros grupos unha serie de medidas que van desde o ámbito social -co reforzo da Renda Social Municipal-, ao fiscal -coa condonación durante catro meses do 100% do aluguer das vivendas municipais-, ao económico -axilización do investimento previsto nos orzamentos de 2020, execución do 100% das partidas de Cultura, posta en marcha do Consello Económico e Social para elaborar un Plan de Industrialización-.

Pola súa banda, o PP propuxo a xuntanza da comisión de Facenda para analizar que partidas orzamentarias poden modificarse para reforzar medidas sociais e activar «canto antes» medidas económicas para recuperar o emprego. Os populares lembraron que concellos como Arteixo, Ourense, Ferrol ou Lugo, «con menos recursos que o coruñés», xa aprobaron medidas de apoio.

Para o PP, os autónomos e pemes teñen que ser obxectivo especial do esforzo da administración, cun impulso á liquidez. Lembran que 20.000 traballadores coruñeses están afectados por un ETE sen ter cobrado aínda a prestación, polo que piden accións municipais de apoio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *