A monitorización dixital do tráfico e a baixas emisións, aos Next Generation

Compartir

O informe de tráfico de 2020 revela que a mobilidade se reduciu na cidade un 25%. Así o manifestou hoxe o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, que anunciou que o Concello lle acaba de presentar ao Ministerio de Transportes e Axenda Urbana un total de tres manifestacións de interese con respecto á Estación Intermodal, á monitorización dixital do tráfico na cidade e a un plan en que se pretende establecer zonas de baixas emisións na Coruña. Para sufragar estes tres proxectos, solicitaranlle fondos de reestruturación Newt Generation á Unión Europea.

Deste xeito, o edil sinalou que o Goberno de Inés Rey pretende crear un novo centro de xestión da mobilidade en que integrar dixitalmente todos os procesos de cara a saber como se utiliza o espazo público, a carga e descarga, os túneles ou o ciclo semafórico co fin de tomar decisións en base a datos e metadatos e utilizando as vantaxes da intelixencia artificial. Neste aspecto, Villoslada explicou que para a posta en marcha deste sistema traballan na actualidade con grupos de investigación da UDC e en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico e o Clúster da Loxística de Galicia. Asociado a esta cuestión, inclúese un plan de establecemento de zonas de baixas emisións, co que este Concello aspira a ter listos os sistemas para lle dar cumprimento ás directrices que marcará a nova lei de cambio climático.

Villoslada recordou que A Coruña conta cunha importante rede de medición da calidade do aire e que estes datos permitirán monitorizar o seu estado co obxecto de conformar un primeiro cinto, onde se dará un seguimento máis intenso, e un segundo de protección e observación, segundo marcan as liñas estratéxicas da Unión Europea.  

Grazas ás manifestacións de interese que presentou á convocatoria do compoñente 1 que acaba de publicar o Ministerio de Transportes referente a plans de choque para unha mobilidade sustentable e segura e conectada en contorna urbana e metropolitana,  o Concello realizará unha análise de como queremos estar para poder concorrer tamén a financiamento europeo e «conseguirmos ese modelo de cidade máis sustentable, seguro, saúdable e conectado que perseguimos». Canto ao sistema intelixente da mobilidade que propón Urbanismo (Simob), «o que buscamos é dar un salto cualitativo na xestión intelixente do espazo público», que se desagregará en sete subproxectos importantes e atenderá a ciberestruturas de última xeración, drons e sistemas ITS cos que se poderá controlar a circulación de todo o conxunto da urbe.

Con respecto á mobilidade rexistrada durante 2020, Villoslada afirmou que as restricións sanitarias tomadas pola pandemia afectaron de maneira considerable á Intensidade Medial Diaria Anual (IMD), de forma que nas semanas previas á declaración do estado de alarma o promedio era de 52.000 e durante o confinamento caeu a 12.000, cifras que se recuperarían na desescalada con diferentes picos. O edil engadiu que na actualidade, os datos están aínda por debaixo dos obtidos hai un ano xa que en marzo a media de intensidade de tráfico foi de 45.000 fronte aos 53.000 de hai doce meses, un 15% menos.

O concelleiro explicou que «as restricións sanitarias decretadas nos obrigaron a acelerar medidas que xa tiñamos pensado e a nos concienciar» e lembrou que «realizamos un grande esforzo para peonalizar ou semipeonalizar rúas como Alcalde Marchesi con Primavera, Compostela, Monte das Moas, Pardo Bazán… ademais da eliminación dun carril circulación para zonas como o Paseo Marítimo». Desde darlle máis espazo aos locais de hostalaría para instalaren as súas terrazas até o carril para corredoras/es dentro dos distintos tramos do Paseo Marítimo que se rehabilitaron e que se reformarán nos próximos meses, todas estas determinacións tomáronse para ordenar a xerarquía de espazo público que encabeza o peón e, en extensión, as/os corredoras/es, os VMP e as bicicletas.

Neste punto, viron prioritario avanzar na declaración da Coruña como cidade 30 e hoxe o 90% das súas rúas xa están limitadas a esta velocidade máxima, anticipádonse aos reais decretos do Goberno central, que entrarán en vigor en maio. Froito desta decisión, o edil asegurou que a velocidade media en Juan Flórez pasou dos 26 aos 23 km/h: «acabamos de establecer carrís na rolda de Outeiro e traballaremos para habilitalo na rolda de Nelle». Insistiu que o compromiso coa saúde pública e a aposta pola sustentabilidade son firmes e que non debemos esquecer que un terzo das persoas falecidas en accidentes de tráfico foi en vías urbanas, que o 70% das vítimas son maiores de 64 anos e que o 94% de accidentes con peoas/peóns se deron en espazos urbanos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *