A Deputación vai con forza a FITUR

Compartir

A Deputación da Coruña chega á Feira Internacional de Turismo (FITUR) disposta a difundir algúns dos maiores atractivos turísticos da provincia. O proxecto de Xeoparque de Ortegal, o Gran Fondo Ézaro ou a candidatura da Costa da Morte a Reserva Mundial de Surf son algúns dos programas que promocionará no evento que se desenvolve en Madrid desde mañá ata o domingo 26. Un dos puntos destacados será a presentación mañá mércores da etapa 16 da Vuelta a España que transcorrerá desde Muros ao Ézaro e unha nova edición do Gran Fondo.

«O Gran Fondo Ézaro, a candidatura da Costa da Morte a Reserva Mundial de Surf e o proxecto de Xeoparque de Ortegal son tres dos eixos da actuación da Deputación da Coruña nesta nova edición de Fitur , afirma o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e engade que «como en anos anteriores, tentaremos aproveitar o encontro para establecer novas sinerxías, colaboracións e impulsar o sector man a man cos concellos».

La Vuelta
Conducido polo xornalista deportivo Tedio Carrera, e coa presenza de recoñecidas figuras do mundo do deporte e o espectáculo, desenvolverase este mércores a presentación en Fitur da etapa da Vuelta a España que este ano transcorrerá de Muros ao Ézaro, ademais dunha nova edición do Gran Fondo. Xosé Regueira e o tamén deputado e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, ademais de representantes dos concellos polos que atravesa a carreira e de membros da organización, participarán nun acto en que se proxectarán dous vídeos que darán a coñecer a paisaxe e riqueza monumental do traxecto e da tradición ciclista da que dá mostra o Gran Fondo Ézaro.

A Deputación da Coruña aposta por desenvolver en Fitur un intenso programa en colaboración cos concellos da provincia que forman parte dos proxectos. A promoción do proxecto do Xeoparque de Ortegal será outro dos eixos centrais da actuación do ente provincial e dos concellos implicados, no que está considerado un dos principais escaparates mundiais do sector turístico. Nel danse cita os máis importantes axentes do sector. A Deputación dará conta dos avances na candidatura e na súa promoción, como son a páxina web, as redes sociais ou o vídeo promocional que mostra a potencialidade xeolóxica, paisaxística ou patrimonial do territorio. A presentación do Proxecto Xeoparque de Ortegal terá lugar o xoves no posto de Galicia coa participación do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, a presidenta do concello de dirección do proxecto, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi e os alcaldes dos concellos implicados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *