A Deputación destina 17.000 euros para apoiar o voluntariado social

A Deputación destina 17.000 euros para apoiar o voluntariado social
Compartir

A Deputación da Coruña destinará 17.000 euros para continuar apoiando o programa de voluntariado social en países europeos da Fundación Paideia. A Deputación, xunto á Fundación Paideia, continúa un ano máis impulsando o voluntariado social en países europeos mediante un programa dirixido á mocidade desempregada da provincia.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e Sandra Ortega, presidenta da Fundación Paideia Galicia, rubricaron o convenio a través do cal a Deputación da Coruña achegará a cantidade de 17.000 euros, o 70% do custo total da iniciativa. No 2020 participaron neste voluntariado un total de 169 mozos e mozas coruñeses de entre 18 e 30 anos, dos que 133 procedían da cidade da Coruña e o resto doutros municipios da provincia. Neste exercicio, a iniciativa volverá a achegar a 300 mozos e mozas a oportunidade de saír ao estranxeiro para mellorar as súas competencias persoais e profesionais. Como novidade, farase especial fincapé nas zonas rurais da provincia.

O programa consiste en dúas fases: a primeira, conformada por actividades formativas e de contextualización que proporcionarán información técnica e práctica previas á saída dos e das participantes; e a segunda, ao regreso, explicará as posibilidades de proxección no mundo laboral do aprendido coa experiencia. O periodo de voluntariado vai desde os 6 aos 12 meses de duración. «O voluntariado social non só contribúe a abrir novos marcos e perspectivas vitais, senón que tamén potencia o espírito emprendedor», destacou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que tamén sinalou que «este tipo de accións contribúen a promover unha cultura participativa e solidaria».