A Coruña sumou a súa voz contra a violencia machista

Compartir

Neste 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Corporación municipal gardou un minuto de silencio fronte ao Pazo Municipal de María Pita polas vítimas da violencia de xénero. Posteriormente, a alcaldesa, Inés Rey, as concelleiras Yoya Neira e Mónica Martínez, e persoal das Escolas Deportivas Municipais simbolizaron cun lazo a repulsa ás violencias contra as mulleres con motivo do 25N na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor. Todas as persoas participantes vestiron a camiseta da Carreira da Muller, que non se puido realizar no pasado mes de marzo.

Finalmente, alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Igualdade, Yoya Neira, asistiron á inauguración da porta que o artista Woody James lle dedicou á muller coruñesa María Judite, asasinada en 2018 e que se instalará de forma permanente no Centro Ágora como un xeito de reivindicar a loita contra a violencia machista. “Temos que lanzar un berro unánime de protesta ante esta outra ‘pandemia’ que debemos eliminar da nosa sociedade”, sinalou a alcaldesa.

Rey recordou que o Goberno local conta cunha rede de acollida que funciona desde 1991 e cun Centro de Orientación Familiar (COF), que foi o primeiro en abrir en Galicia hai 37 anos. A alcaldesa sinalou que a nivel social, «fomos capaces de rompermos a lei do silencio. Homes e mulleres saen á rúa, mobilízanse contra a violencia e son moitas as organizacións que traballan para lles axudar ás vítimas e aos seus fillos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *