A Coruña pon o ollo no Atlántico

Compartir

Esta mañá tivo lugar no Pazo de María Pita unha reunión entre a alcaldesa, Inés Rey, o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, os edís Juan Díaz Villoslada, Esther Fontán, Eva Martínez e Yoya Neira, e a secretaria xeral de Atlantic Cities, Tamara Espiñeira, para abordar diferentes aspectos que facilitan a cooperación transantlántica entre A Coruña e as cidades membros desta plataforma, que desde o ano 2000 é a única rede de cidades no Arco Atlántico.

Atlantic Cities é unha asociación europea de carácter transnacional que representa os intereses e as iniciativas das autoridades locais (cidades, mancomunidades urbanas, deputacións…) ao longo do Arco Atlántico, que o conforman Irlanda, Oeste de Reino Unido, Oeste de Francia, Norte de España, Illas Canarias e Portugal. A súa misión é representar as cidades atlánticas e apoiar o seu desenvolvemento común e «xestionar o interese público  trasladándolles os seus problemas e necesidades aos estados e mais creando proxectos entre as cidades», asegura Espiñeira.

O obxectivo deste encontro é analizar o rol das cidades en Europa e atopar un punto de encontro entre a rede e a cidade «nun momento de transición para a Unión Europea, posto que os fondos e as políticas van cambiar moito no 2021, e para a propia rede, que cumpre 20 anos», dixo a secretaria xeral de Atlantic Cities, quen tamén explicou: «Fixaranse prioridades para os vindeiros 20 anos, entre as que se baralla que o mar sexa unha das principais».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *