A convocatoria de contratación de investigadores máis prestixiosa de España financia a tres científicos galegos no CICA da Universidade da Coruña

A convocatoria de contratación de investigadores máis prestixiosa de España financia a tres científicos galegos no CICA da Universidade da Coruña
Compartir

Desde o mes de maio, tres investigadores galegos do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña contan co financiamento do programa de contratación máis prestixioso do Ministerio de Ciencia e Innovación: as axudas para contratos Ramón y Cajal. O obxectivo destas axudas é promover, por unha banda, a incorporación de investigadores nacionais e estranxeiros cunha traxectoria destacada en centros de I+D e, por outro, a creación de postos de traballo permanentes para a súa consolidación. Os agraciados recibirán ademais 40 mil euros para gastos derivados do proxecto. Desta maneira, Elena Pazos, Jesús Mosquera e José Luis Pardo teñen asegurados os seguintes cinco anos de contratación no CICA, que xa suma a metade dos contratos activos Ramón y Cajal da UDC.

Que investigan estes científicos?
Elena Pazos é doutora en química e desde 2017 dirixe o seu propio grupo no CICA. A súa excelencia científica levouna a conseguir unha ERC Starting Grant o ano pasado, unha das axudas máis competitivas outorgadas pola Comisión Europea. Agora, grazas ao contrato Ramón y Cajal, desenvolverá novos materiais intelixentes con aplicacións biomédicas partindo de proteínas de pequeno tamaño. Para a fabricación destes materiais, a investigadora inspírase nas diminutas fibras que dan forma ás células do noso corpo (o citoesqueleto), as cales son capaces de transformarse e responder a estímulos externos para adaptarse ás condicións que as rodean.

Jesús Mosquera tamén é doutor en química e desde 2020 desenvolve a súa actividade investigadora no CICA. Previamente obtivera unha axuda de captación de talento da Xunta de Galicia como investigador distinguido. Durante os próximos anos desenvolverá moléculas artificiais capaces de levar a cabo certas funcións propias das proteínas mediante unha técnica chamada autoensamblaxe molecular. O investigador defíneo como <<axitar a caixa de pezas dun quebracabezas 3D e obter a estrutura da foto>>. As moléculas resultantes prometen ser útiles ferramentas biomédicas, case unha versión mellorada das proteínas, xa que serán moito máis estables e poderán funcionar en condicións non fisiolóxicas (fóra das células).

José Luis Pardo é doutor en neurociencia condutual, é dicir, estuda a relación entre o cerebro e o comportamento. En 2018 chegou ao CICA para establecer unha nova liña de investigación para a cal conta agora con cinco anos por diante. O investigador parte dunha hipótese, e é que as nosas funcións cognitivas, como a toma de decisións, víronse afectadas polo cambio que experimentamos desde que eramos cazadores até hoxe, que a comida é abundante e conséguese con pouco esforzo. Para probar esta hipótese modificará as pautas de alimentación en roedores para ver como cambia a súa actividade cerebral e a execución de certas tarefas.

Pero estes non son os únicos contratos Ramón y Cajal activos no CICA, pois xa na pasada convocatoria, a doutora en Farmacia e investigadora InTalent, Ana Rey, conseguiu un. O seu proxecto céntrase na procura dun tratamento que rexenere o cartílago nas articulacións danadas mediante terapia xénica. Para iso, utiliza transportadores non virais para introducir fragmentos de ADN reparadores de tecido dentro das células mesenquimais, un tipo moi concreto de células nai.

Un investimento cada vez maior

Nesta convocatoria, correspondente ao ano 2019, o Goberno central investiu 80 millóns de euros en 200 contratos, case un 30% máis de orzamento que na convocatoria anterior ao que dedicou 62 millóns. Está previsto que este investimento sexa aínda maior na, aínda non resolta, convocatoria de 2020 grazas ao plan de choque pola ciencia e a innovación, que recoñece o papel da investigación científica e tecnolóxica como solución á crise sanitaria e clave na recuperación económica.