A CIG denuncia que a Xunta despide, durante a baixa por incapacidade temporal, o persoal que contrae COVID-19

Compartir

A CIG denunciou hoxe que, malia a actual situación de alerta sociosanitaria pola expansión do COVID-19, o Sergas «segue a contratar o persoal para estas unidades e resto de servizos por días, semanas ou por períodos curtos de tempo, en vez de facer un único contrato mentres dure a situación». Segundo a sección sanitaria do sindicato, o Servizo Galego de Saúde está ademais non prorrogando «o contrato do persoal temporal que traballa nas unidades de COVID, se están cunha baixa por incapacidade temporal (IT) por contaxio do virus». Esta falta de prórroga, para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é o que “no ámbito da privada chamariamos despido”.

Ante esta situación, a CIG-Saúde exixe ao SERGAS que renove os contratos a todo o persoal en IT, o que segundo segundo Abuín, se pode facer “mediante un alta administrativa na Seguridade Social”. Un sistema que lembra que xa está acordado na mesa sectorial para os casos de baixa por maternidade. A secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que «xa custou traballo que o Sergas utilizase a fórmula de alta administrativa para a maternidade, mais non imos cesar até que isto tamén se aplique ao persoal eventual en I.T por contaxio”.

Para o sindicato, «o paradoxal desta situación é que cando estas traballadoras e traballadores se recuperen do contaxio do virus, volverán a traballar con toda a intensidade que a situación require nas unidades de COVID, nas UCIs e no resto de servizos da sanidade pública». “Iso si, seguirán instauradas na precariedade laboral e nos contratos por días”, denuncia Abuín. Con esta medida, o Sergas «ocasiónalle unha penalización a estas persoas», xa que «ao non ter vínculo laboral, o período de I.T non vai ser computado como servizos prestados a efectos de baremación nos procesos de selección temporal e de OPE», denuncian dende a CIG.

“Este é o premio do SERGAS ao persoal temporal, se te contaxias do virus no desempeño do teu posto de traballo, penalización no recoñecemento dos servizos prestados, xa que estes só se bareman cando existen un vínculo laboral”, lamenta Abuín.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *