A Audiencia Nacional condena a Alcoa a cumprir os acordos asinados no 2019 co persoal das plantas de Alu Ibérica

A Audiencia Nacional condena a Alcoa a cumprir os acordos asinados no 2019 co persoal das plantas de Alu Ibérica
Compartir

A Audiencia Nacional, nunha sentenza emitida o martes 15 de xuño, condena a multinacional Alcoa a cumprir o acordo asinado no ano 2019 co persoal da planta galega da Coruña e da asturiana de Avilés que eran naquel momento da súa propiedade e que actualmente pertencen a Alu Ibérica, do Grupo Riesgo.

A sentenza especifica que o devandito acordo está «plenamente vixente» e que «desprega todos os seus efectos xurídicos», polo que é esixible o seu cumprimento. Tamén deixa claro que Alcoa é a máxima e única responsable do incumprimento dos devanditos acordos, polo que deberá indeminizar as traballadoras e traballadores, ou ben garantir a súa recolocación, ante eventuais despedimentos.

A resolución xudicial tamén se pronuncia sobre a falta de actividade industrial nas plantas, algo denunciado por CCOO desde hai meses. «Parece obvio que a falta de ocupación efectiva deriva directamente e cando menos do incumprimento deliberado deses compromisos de investimento e de formación dos traballadores», afirma a Audiencia nas súas conclusións.

Segundo CCOO-Industria, «confírmase explicitamente o incumprimento de todo o relativo a un proceso de reindustrialización e venda a un comprador serio, solvente e rigoroso que se fixese cargo das plantas». A sentenza dálle a razón ao sindicato, que leva máis de dous anos defendendo os intereses do persoal das dúas plantas e denunciando a gravidade da situación.

O sindicato salienta que se trata dun «pau xudicial» para Alcoa, onde se desmontan todos os «artificios» utilizados pola compañía desde o asinamento dos compromisos para evitar que estes se concretasen. «A única vontade da multinacional era dar cabo da actividade de ambas as dúas plantas do xeito máis rendible posible para os seus propios intereses», incide CCOO-Industria.

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho (CCOO) sinala tamén que «a sentenza deixa claro que o único que asinamos foi con Alcoa, nunca con Parter ou Riesgo, socios colaboradores da estafa». Coas plantas intervidas xudicialmente, e agora con esta sentenza sobre a mesa, o sindicalista pregúntase «que mais precisa» o Goberno central para actuar, como esixen os sindicatos.

A sentenza da Audiencia Nacional conta con máis de 82 páxinas. Os servizos xurídicos de CCOO estudarana detalladamente para determinar os seguintes pasos a seguir.