A AP-9 será traspasada a Galicia, di Pablo Iglesias

Compartir

O vicepresidente do Goberno central, Pablo Iglesias, estivo na Coruña durante o fin de semana participando en varios actos institucionais e de precampaña, e foi entrevistado pola TVG. No transcurso da entrevista, e interrogado sobre a política gobernamental cara a Galicia, Pablo Iglesias sinalou rotundamente que «este Goberno vaille dar a xestión da autoestrada ao  Goberno galego».

Pablo Iglesias non puxo datas para este traspaso. Esta transferencia é unha reclamación histórica na comunidade, aprobada unanimemente polo Parlamento de Galicia en 2017 e incluída no acordo de investidura entre o PSOE e o BNG. A asunción autonómica das competencias sobre a autoestrada foi sucesivamente bloqueada no Congreso e polo Goberno Rajoy, malia contar co apoio do PP galego.

A día de hoxe, e logo do terceiro incremento consecutivo nas tarifas, avalado polo Ministerio de Fomento a petición de Audasa, percorrer a AP-9 desde Coruña á fronteira con Portugal custa 22,20 euros en vehículo lixeiro. Para camións e autobuses está en 48,35 euros.

Estatuto de industrias electrointensivas
Preguntado pola situación de Alcoa, o vicepresidente mostrouse partidario a mellorar o Estatuto das industrias electrointensivas. «O prezo da electricidade é o que marca a diferenza entre que as nosas industrias poidan ser competitivas ou non», aseverou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *