«O novo cinema galego achéganos á vangarda»

Compartir

Mañá pecharase a I Mostra de Cine Galego que se celebrou ao longo desta semana no Teatro Colón con grande éxito de público. Ao fío da proxección da nova película de Eloy Enciso, ‘Longa noite’, falamos con Xosé Manuel Sande (A Coruña, 1972), veterano colaborador do cineasta, co que exerceu como coguionista e produtor no filme ‘Arraianos’. Repasamos nesta conversa a situación do cinema galego e as inquedanzas deste creador.

Como definirías o Novo Cinema Galego?
Hai que dicir que o novo cinema galego é unha etiqueta útil, cómoda e de difusión dos traballos cinematográficos. Non hai que velo propiamente como un movemento. O realmente destacado é que por vez primeira se está en sintonía coa vangarda da renovación lingüística do cinema. Ata daquela había pezas moi dignas, e non quero facer unha división inxusta entre obras, pero era un cine máis inserido nos códigos do cinema comercial, de xénero, de supervivencia… que facía o que podía. Intentaba comezar a asentar a idea dunha industria, pero non había apuntes mais iconoclastas ou de vangarda, ou esa exploración plástica que veu con algunhas películas do novo cinema galego.

Falamos das películas que aparecen a final da primeira década do século XXI, no momento en que aparecen curtas como ‘O cazador’, como ‘1977’, a primeira de Peque Varela,  e a partir de 2010 con ‘Todos os capitáns’, ‘Arraianos’, ‘Costa da Morte’…

Coinciden no tempo as pezas do novo cine galego coa revolución do cine dixital,  a idea de recrear a realidade con artificio puro. Pero o novo cine galego recupera a imaxe sen artificio técnico, como se quixese volver a un certo documentalismo.
Hai miradas e buscas diferentes, e mesmo algunhas remiten ás orixes do cinema, como buscando un certo espírito puro e pioneiro, con todos os problemas que a palabra pureza arrastra. Exploran camiños con moitísima variedade, pero hai elementos en común. Son unha xeración, pero hai autores como Alberto Pagán que por idade saen do estándar, xente que en 2010 andaba polos 30 anos. Na parte estética hai xente como Ángel Santos que busca a narrativa, xente como Marcos Nine que vén dunha tradición máis apegada á parte industrial, que acaba facendo unha película como ‘La brecha’, que é unha reflexión sobre o proceso de creación que remite ao metacine e espírito de vangarda. Ese espírito non estaba ausente da tradición galega, de feito estaba na vídeocreación dos 80. Hai varias fases no noso cinema. Os pioneiros dos 70, que cargan co esforzo de chegar e facer. Aínda hai moitas cousas toscas. Nos 80 vén esa xeración que revolve, rompe e tira para diante con forza. E logo no momento en que se asentan as infraestruturas e institucións (TVG, CGAI, consorcios…) páutanse xa unhas axudas e xorde un sistema politicamente mais controlado. O audiovisual concíbese como estratéxico.

Ata que punto é posible un cine galego independente, co control das canles de distribución?
Os traballos e orzamentos son variados. Ti falabas da importancia da aparición do dixital. O dixital, apoiado no caso galego polas axudas ao talento -e curioso, con algo prosistema como un sistema de axudas non controlado- consente que aparezan traballos onde prima o talento. Algunhas axudas do bipartito ao audiovisual van dar lugar a proxectos economicamente modestos, pero con ambición artística e resultados dignos de eloxio moitas veces. Entran nun circuíto se cadra menos controlado por medios e máis por festivais. ‘Arraianos’ ou ‘Costa da Morte’, ou ‘1977’ son exemplos. Existe de repente todo un continxente que fai que as túas películas, á marxe dos resultados de taquilla -ata ‘O que arde’- teñan percorrido. Iso é o que distingue estas películas: o que vai a Cannes logo viaxa mundo adiante por unha ristra de festivais. Son vistas por moitísimos espectadores, a nivel universal, e iso remítenos ás identidades e aos universais da linguaxe. Certifica que hai un numéro amplo de seguidores e por todas partes, fronte a ese cine de vocación industrial que sen embargo ten dificultades para saír de Galicia. Sen vontade de confrontación, este cine permite operar doutra maneira aos cineastas, con dependencias económicas pequenas grazas ao modesto da produción. E como sucede con todos os movementos nos momentos de dinamización, a xente vese imbuída e atraída, e comprende que pode facer o que quere e non tanto someterse a outras modas e tendencias.

Esta película ten unha escolla naturalista de actores, non profesionalizados. Cres que Eloy está  desenvolvendo unha narrativa propia baseada na disolución da convención do filtro interpretativo profesional, que os personaxes sexan mesmo eles mesmos. Cres que a forma que ten Eloy de expresarse? Ou o tema que escolle levan a iso?
Creo que é a súa forma de expresarse, unha loita que comeza na súa ‘Picnic’ onde experimenta sobre os limites do rexistro documental. Cando pasa a ‘Arraianos’, el ten claros eses temas da representación da realidade, a base literaria, o uso de actores non profesionais, a importancia do proceso de traballo. Eu falo de naturalismo e el de outro naturalismo, porque el rompe ou trata de romper con esa corrente de raíz tan psicolóxica que establece o Actor’s Studio, dos actores intensos. El asume totalmente a idea, e impregna a convivencia entre ficción e non ficción da súa obra, a idea de que un actor estrela non pode facer personaxes como os de Oliver Laxe en ‘O que arde’. El teno claro, e é un proceso que no caso de ‘Longa noite’ multiplica o efecto. Traballa de maneira decidida con esa idea, e a propia fragmentación da película por tipos de texto o favorece.Esa idea de anonimato crea outro tipo de naturalismo que rompe co cine hexemónico comercial. Vai acompañada desa convivencia entre cine e literatura. El ten un proceso de documentación por detrás moi grande, e roda de forma moi minuciosa.

Nesta película establece unha relación entre texto e imaxe notable.
Respecto a ‘Longa noite’, el busca unha peza única que englobe todo o conflito que quere contar, pero esta non existe. Iso lévao a unha estrutura fragmentaria que ven dada pola propia fragmentación de textos: Max Aub, Luís Seoane, Valenzuela… Un montón de autores e testemuñas de xente, tamén represaliada, xa que é unha película de posguerra, e creo que ten un enorme valor esa idea da non reconciliación en moitos sentidos. O cine de Eloy traballa sobre unhas chaves que tentan romper a linguaxe tradicional

Parece unha posición valente, incluso movemento illa.
Hai un tema que comentar que é o do idioma. Paréceme fundamental que traballa o idioma a través de fontes literarias, coas capacidades plásticas e musicais do idioma. Algo que el concentra en ‘Arraianos’ e en ‘Longa noite’.

Que dirías a quen pensa que producir cine é algo que mata a creatividade?
Está chea a historia do cinema de exemplos, mesmo en Hollywood, de xente que ten unha experiencia decisiva ou determinante nas películas que rodan, baixo un sistema de estudios que pode parecer moi xerarquizado. Por que non se pode ser produtor? Todo o mundo quere ser director ou guionista, que é o aparentemente creativo. O responsable de produción ten que coordinar elementos artísticos e culturais nun papel decisivo. Hai un dano case irreversible do outro tipo de produtores, os que historicamente aparecen encarnados no mundo dos cartos, que dicía Buñuel de Dalí. O papel do produtor viuse prexudicado historicamente porque o mundo dos cartos parece imporse. Fronte aos “caprichos” do director o produtor está abocado a ser practico, pero iso non o converte en insensible. É un dos graves estigmas e prexuízos da historia do cine. Non é xusto dar un trato unívoco ao produtor como se todos eles fosen señores magnates dos cartos que tanto lles dese facer salchichas que cine. Non é certo, hai moitos sensibles e sen eles moitos proxectos non sairían adiante.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *