‘Vermellos e laicos’ recupera a memoria da represión no ensino

Compartir

O concelleiro de Educación presentou esta mañá na Casa museo Casares Quiroga o libro «Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés», xunto ao seu autor, Narciso de Gabriel, e o editor de Galaxia, Francisco Castro

O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, participou esta mañá na presentación do libro «Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés», de Narciso de Gabriel, e co que a editorial Galaxia abre unha nova colección dedicada á memoria histórica. Xunto ao editor da firma, Francisco Castro, e ao propio autor, o edil contou que acolleu desde o primeiro momento con moita ilusión a publicación deste volume por ser docente e pola necesidade de «gardar na memoria a todas estas vítimas, que non cometeron outro delito que o de exercer a súa profesión».

Celemín sinalou que o Concello como promotor deste proxecto repartirá exemplares polas bibliotecas e centros educativos para que a veciñanza sexa testemuña dunha época que agardamos que non se volva repetir. O edil tivo unhas palabras para os 24 mestres e dúas mestras coruñesas da ensinanza pública asasinadas das que De Gabriel fala no texto, que sufriron en vida todo o proceso en que os libros repletos de coñecemento se transformaron en dogmas do movemento e en que deixou de haber xogos en grupos e o mal comportamento se castigaba con sancións «merecidas». As nenas, pola súa parte, eran indignas do maxisterio e «quedaban recluídas aos seus labores». Celemín lembrou que aquelas e aqueles «contaminados» da república, arrancáronos da docencia e extermináronos, «empezou a persecución, os arrestos, o estrangulamento de ideas, a tortura e mais a morte…», e foise apagando a chama da democracia para faceren desaparecer as profesoras e profesores baixo o crisol da tortura.

Pola súa parte, Francisco Castro destacou a iniciativa de Galaxia ao lle dar espazo á memoria histórica neste momento en que moitas persoas din que non hai que falar dela para evitar que se abran feridas «como se as feridas non se curasen sacando todo á luz». Engadiu que o título resume o espírito daquela época, onde o fascismo foi en primeiro lugar contra as persoas con formación, as mestras e mestres.

Neste aspecto, Narciso agradeceulle á alcaldesa, Inés Rey, e a toda a corporación que apoiasen esta publicación e recordou que «vermellos» e «laicos» eran os dous condicionantes para levar a cabo a depuración do profesorado por parte do réxime: «Incluíanse en vermellos todas as persoas que non apoiaban a sublevación e laicos no sentido que asumiron o laicismo nas escolas aprobado pola república». O experto describe de xeito rigoroso os cargos que lles impuxeron, unha represión que ía desde a morte á sanción administrativo, e que tamén afectou a grupos sociais e profesionais nunha «revisión dunha tremenda inxustiza».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *