Unha ruta segura: o grande reto do Camiño Inglés

Compartir

A Xunta Directiva da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a primeira celebrada en estado de alarma, desenvolveuse o venres 5 de xuño no Concello de Oroso. Na xuntanza tratáronse aspectos importantes para esta ruta xacobea como a reactivación do Camiño Inglés de xeito seguro para peregrinos e veciños dos concellos do Camiño, así como para o persoal dos diversos establecementos relacionados coa peregrinación (como hostalería ou albergues).

Na reunión participaron o Presidente da Asociación e Alcalde de Oroso, o Secretario e Concelleiro de Turismo de Betanzos, a Concelleira de Turismo de Ordes en representación da Vicepresidencia e, como vogais, o alcalde de Abegondo, a concelleira de Turismo de Pontedeume e o concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela. Todos coincidiron no importante papel que está adoptando a Asociación e os seus integrantes neste momento onde a xestión e a toma de decisión é fundamental para ofrecer un Camiño Inglés Seguro e con garantías. “A seguridade e saúde dos nosos veciños e dos peregrinos, é o máis importante, sen esquecer a reactivación socioeconómica de todo o territorio a través do Camiño Inglés”, sinalaron.

Iniciativas
Con este obxectivo, acordouse a reactivación do Camiño a través dunha Andaina que se levará a cabo de forma conxunta en todos os concellos durante o mes de xuño. Tamén se apostou pola promoción do Camiño a través da realización dun Press Trip con xornalistas e blogueiros para a promoción do Camiño e a transmisión dos seus valores. “Non esquecemos os aloxamentos e restauración que viven do Camiño, estamos traballando en protocolos para tal fin atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias”, indicaron na reunión.

Hai varias subvencións pendentes de aprobación, tanto para a xestión da Asociación como para a promoción do Camiño e, tamén, de actuacións de mellora e acondicionamento da ruta ao paso polos concellos integrantes da Asociación. En palabras do propio presidente, Manuel Mirás: “co apoio da Deputación de A Coruña, estamos investindo no Camiño Inglés, onde debemos de estar todos unidos e camiñando xuntos” algo que ratificou a Xunta Directiva en pleno.

Adhesión da Coruña
Así mesmo, na reunión aplaudiuse a recente decisión do Concello da Coruña de adherirse á Asociación. “ Tan só queda Cambre e Culleredo” afirmou Mirás. Agora, a través da planificación e xestión do Camiño Inglés por parte do persoal da Asociación, están traballando na elaboración de protocolos con accións inmediatas e a medio prazo para ofrecer un Camiño Inglés Seguro para “todos aqueles que o queiran disfrutar”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *