Concerto polo Xacobeo en Riazor

Compartir

Un evento de máxima repercusión internacional sobre o que non trascendeu ningún detalle. Xunta e Concello acordaron a celebración dun grande concerto en Riazor no marco das actividades dun Xacobeo máis descentralizado que nunca, destinado a xerar valor engadido por toda Galicia. Foi a conclusión máis importante da xuntanza mantida no día de onte entre a alcaldesa Inés Rey e o conselleiro de Cultura Román Rodríguez.

O programa «Xacobeo cidades» pretende servir como anticipio do Xacobeo 2021 levando unha cita tradicionalmente compostelá a outras cidades galegas. Rey agradeceu á Xunta a inclusión da Coruña na programación con este evento no estadio municipal de Riazor, que ten cabida para 20.000 persoas: “Estamos a falar dun evento de carácter internacional con moita repercusión que irá acompañado doutras citas que fomentarán a cultura e a música tradicional galegas, ademais de formacións da cidade e eventos para toda a familia, un preámbulo do que será o Xacobeo 2021, en que tamén agardamos esa descentralización”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa valorou Riazor como o lugar idóneo para facer un evento destas características.

A continuación, o conselleiro Román Rodríguez destacou que durante este mes pecharán datas e nomes do cartel tras asinar un acordo entre ambas as institucións para a coordinación. Insistiu en que o concerto musical suporá o eixo central dunha programación participativa que dará respostas a todo tipo de públicos e acubillo a grupos emerxentes e á cultura de base: “Falamos tamén de exposicións, congresos… unha acción cultural compartida co concello”, descentralizada e sustentable “que non sexa flor dun día e poida alongarse no tempo”. Para artellalo, o conselleiro sinalou que fixarán unha cantidade económica e que sobre esa cifra, os diferentes promotores do país presentarán as súas ofertas. As persoas profesionais do sector elixirán á formación segundo criterios obxectivos previamente establecidos. Terá un financiamento de base da Xunta e o concello asumirá gastos como parte de produción, a seguridade, a limpeza e o control de accesos.

Débeda da Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galicia
Sobre a mesa estivo tamén a débeda que a Xunta de Galicia ten coa OSG. Rodríguez anunciou que ambas as administracións colaborarán para atopar unha solución “dentro das marxes orzamentarias” a través dunha comisión mixta. Destacou que non se reducirá o financiamento e a OSG seguirá sendo estandarte da cultura de Galicia. Rey apuntou que o mellor xeito de resolvelo é con esta fórmula en que estarán todas as partes presentes.

Por último, e sobre o albergue para peregrinos do que Rey e Núñez Feijóo falaron no pasado verán, Román Rodríguez asegurou que desde o Goberno autonómico están dispostos a abordar o tema porque “A Coruña é unha das portas de Galicia do Camiño Inglés, que está medrando en intensidade”

O misterioso cartel do concerto
Xunta e Concello non aclararon quen será a estrela do concerto de Riazor. Atendendo a anteriores edicións do Xacobeo, cómpre lembrar que os británicos Muse estiveron no Monte do Gozo compostelán en 2010, ou o icónico concerto de Bruce Springsteen no mesmo lugar en 1993. En 2004 os Red Hot Chili Peppers e Bob Dylan foron algunhas das estrelas internacionais que pisaron Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *