Plantación virtual de árbores para recibir a primavera

Compartir

O 21 de marzo comeza a primavera e celébrase ademais o Día Internacional dos Bosques. O deste ano chega no medio dun estado de alarma polo COVID-19 que mantén á cidadanía maioritariamente confinada na casa. A Concellería de Medio Ambiente que, antes da declaración do confinamento, tiña programada unha plantación de árbores para o luns 23 coa colaboración do alumnado de colexios da cidade, convida agora a todos os nenos e nenas da Coruña a faceren unha gran plantación virtual de árbores «enchendo as ventás das nosas rúas cos seus debuxos».

Dende o Concello piden que, antes de pegalos nas súas xanelas, os nenos e nenas envíen unha imaxe dos seus debuxos ao correo educacionambiental@coruna.es. Con eles elaborarase un vídeo que se subirá á web de Coruña Sostible «para alegrar esta primavera que comezou hoxe». Desde Medio Ambiente lémbrase que «as árbores non só adornan e dan sombra en xardíns, rúas e parques, senón que, sobre todo, transforman o dióxido de carbono, responsable do efecto invernadoiro, en biomasa, minimizan os riscos de inundación, evitan a erosión, son o hábitat natural de múltiples especies de animais, producen unha gran variedade de alimentos e un longo etcétera de beneficios». En palabras da concelleira Esther Fontán, «eses debuxos serán un compromiso de que máis pronto que tarde as nenas e nenos da Coruña farán esa plantación nos nosos espazos verdes».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *