Completa programación para celebrar o Orgullo LGTB

Completa programación para celebrar o Orgullo LGTB
Compartir

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou esta mañá o programa para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTB, un conxunto de iniciativas que deseñaron conxuntamente entre a concellería, o espazo municipal das diversidades sexuais e as identidades de xénero e mais as entidades da cidade que achegaron as súas propostas. En concreto, explicou que este ano colaboraron con Corufest, CASCO, ALAS Coruña, Les Working, Les Coruña, ARELAS e ORCO e destacou que sen o activismo de todas estas asociacións esta sociedade non sería o que é hoxe. A edila sinalou que despois das dificultades que supuxo a pandemia para reivindicar a igualdade dos colectivos máis vulnerables, toca o momento de celebrar que «Somos, que Estamos e que Amamos» parafraseando o lema desta edición. Yoya indicou que as persoas LGTB teñen que estar cada vez máis presentes e facer máis visibles as inxustizas que poidan sufrir porque «elas son un exemplo de amar como resposta ao odio que puideron padecer». Ademais, recordou o compromiso do goberno de Inés Rey por impulsar políticas de igualdade e apoiar o tecido asociativo que traballa incansablemente por conseguila.

Deste xeito, a programación comezará o sábado e estenderase durante case tres semanas até o 15 de xullo. Contará con varias actividades. Por unha banda, charlas en que se abordarán diferentes temas de interese para as persoas LGTB. Serán A visibilidade lésbica, 26 de xuño, ás 11.00 horas na Fundación Seoane. Retransmitirase a través da canle de YouTube «Lesworking Comunidad». Seguirá Dereitos humanos e leis para o empoderamento das persoas LGTB, o 9 de xullo ás 18.30 horas no Centro Ágora. Por último, Importancia da educación para a prevención da discriminación, o 10 de xullo ás 11.00 horas, no Centro Ágora.

Haberá un ciclo de cine en que a selección de películas porán o foco de atención nas personaxes femininas e, en particular, ás mulleres trans como colectivo especialmente vulnerable (29 de xuño, 1, 6, 8 e 13 de xullo, ás 22.00 horas na Fundación Seoane). O apartado inaugurarase o día 29 co recital de Lúa Mosquetera.

O 3 de xullo celebrarase o Atlantic Pride Lite nunha edición adaptada ás circunstancias sociosanitarias, en que actuarán ás 21.00 horas Nenita Danger, Yogurinha Borova, Xenon Spain e Marta Sango no Teatro Colón. As entradas están á venda en corunacultura.sacatuentrada.es. Ao día seguinte terá lugar a Ruta orgullosa: unha ruta en patíns, skate, bicicleta ou vmp que servirá para visibilizar o colectivo LGTB. Realizarase coa colaboración das entidades Galicia Rollers, Mobiliza e a Asociación Coruñesa de Usuarios de vmp. Partirá desde A Mariña ás 11.00 horas e chegará a María Pita.

Por último, o 15 de xullo terá lugar un concerto no Castelo de Santo Antón  que suporá o final da programación coa posta en escena ás 21.30 horas do Coro Cantabile, o dúo Feminino Plural formado por Silvia Penide e Carla López e o dúo More Amore.