Premio ao traballo polo galego

Compartir
A Deputación da Coruña convoca o Premio Rosalía de Castro para recoñecer a quen traballa polo futuro do galego

A Deputación da Coruña convoca o XI Premio Rosalía de Castro co obxectivo de «recoñecer iniciativas, traballos ou entidades comprometidas coa promoción e uso do galego». O período para a presentación de candidaturas permanece aberto ata o 30 de abril.

A convocatoria conta con dúas categorías: unha que recoñece persoas, colectivos, entidades ou asociacións de destacado papel na promoción da lingua galega, e outra que recoñece o traballo pola dinamización do idioma entre a poboación máis nova.

«Esta semana en que se conmemora o nacemento de Rosalía de Castro, a Deputación da Coruña quere recoñecer ás persoas e colectivos que seguiron a súa estela de dignificación e promoción da nosa lingua e, por iso, nada mellor que o seu nome para premiar a quen traballa polo compromiso co futuro do galego», sinala a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño.

A dotación do premio é de 3.000 euros en ambas as dúas categorías. Os criterios de valoración inclúen o traballo continuado a favor do uso do galego, con actuacións concretas, campañas de promoción ou contribución á galeguización na categoría xeral. No caso da categoría de mocidade menor de idade, valóranse tamén as actuacións e traballo que teñan como obxectivo o fomento da transmisión interxeracional. Na X edición foron recoñecidos co Rosalía de Castro o xornal de información científica Gciencia e o proxecto 21 Días co Galego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *