O Coliséum achégase á súa capacidade máxima por primeira vez desde o comezo da pandemia

O Coliséum achégase á súa capacidade máxima por primeira vez desde o comezo da pandemia
Compartir

A próxima fin de semana marca o retorno da programación habitual do Coliséum cunha capacidade case comleta. Os concertos do cantante Pablo López, que interpretará no recinto herculino o seu Mayday & Stay Tour os días 9 e 10 de xullo, serán os de maior cabida en espazos pechados celebrados en Galicia desde que deu comezo a pandemia de COVID-19 en marzo do ano pasado. A Dirección Xeral de Saúde Pública avalou a presenza de ata 1500 espectadores, só un 18% por debaixo da capacidade máxima do recinto. O deste venres será o primeiro concerto no sinfónico desde os dous cheos de Vetusta Morla os pasados 28 e 29 de febreiro de 2020, unhas semanas antes de decretarse o primeiro estado de alarma por mor da pandemia.

O Concello asegura que será un «concerto seguro», que contará cun protocolo específico acorde coas recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola Covid-19 en España, que foi acordado na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Público sentado e separado
O público permanecerá sentado  durante o concerto, ao que haberá que acudir con máscara. Gardarase unha distancia mínima de 1,5 m entre persoas non conviventes. Haberá control da identidade dos asistentes e as entradas serán nominais e numeradas. O recinto dividirase en tres sectores independentes (500 persoas/sector) con circuítos diferenciados de entrada, saída e acceso aos aseos que garantirán que non se produzan contactos entre o público dos diferentes sectores. Habilitaranse até 15 portas de acceso, cinco por sector, para evitar aglomeracións nos accesos e garantindo a fluidez do tránsito en todo momento. Ademais, o espazo contará cun sistema mecánico de renovación do aire que ofrece unha aireación de boa calidade a máis de 2.200 persoas. Non se permitirá o consumo de bebidas ou comidas durante os espectáculos.

Por outra banda, as condicións de devolución das entradas flexibilizouse co fin de que as persoas que non asistan por estaren en corentena ou que presenten síntomas compatibles coa Covid-19 poidan devolver os tíckets facilmente. O dispositivo de seguridade e atención ao público no Coliséum contará con máis de 100 persoas entre persoal de seguridade privada, control de accesos, acomodación, despacho de billetes, limpeza, persoal sanitario, protección civil e policía.