«Maletas viaxeiras pola igualdade de xénero»

Compartir

«Sen ningunha dúbida, na escola compártense momentos transcendentes para a formación e o crecemento persoal, no que todas as persoas, menores e adultas estamos inmersos». Así o afirma Montse Sancho, directora da Escola Infantil de Monte Alto, que acaba de recibir o premio «Concepción Arenal» da Deputación da Coruña, na modalidade de Educación Infantil, co seu proxecto «As maletas viaxeiras pola igualdade de xénero».

Este proxecto naceu coa idea de «poñer en marcha oportunidades que favorezan a igualdade de dereitos e deberes entre homes e mulleres, tanto no noso espazo escolar como no ámbito familiar». E é que Montse Sancho considera que «a través do xogo podemos fomentar comportamentos de igualdade que afiancen desde pequenos a normalidade e a convivencia entre persoas». Por iso, a través do coñecemento de profesións como a astronomía, a arte ou a xardinería, este proxecto da EIM Monte Alto deu lugar a unha viaxe de maletas, da escola á casa e da casa á escola, que permitiron soñar e coñecer o universo, debuxar e crear ou aprender novos hábitos como o coidado da natureza, a prevención de incendios etc. «A viaxe das maletas converteuse en pouco tempo nun paseo de intencións para as persoas adultas e un xogo para nenas e nenos. Cada maleta que chega á casa ten o seu propio uso, non hai unha guía que indique como facelo, non se trata diso, simplemente se trata de desexar xogar», explica a directora.

Maletas viaxeiras pola igualdade de xénero é unha experiencia que se leva realizando desde hai tres anos na EIM Monte Alto. Con este proxecto, desde a escola preténdese reflexionar sobras as actuacións, linguaxes e emocións que as persoas adultas acompañantes das nenas e nenos, tanto na casa como na escola, transmiten en relación á igualdade de xénero.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *