Chega á Coruña o Escape Room Urbano «El asesino de la máscara»

Compartir

A pandemia de COVID-19 afectou gravamente ao concepto tradicional de lecer, e parece que é o momento de procurar alternativas novidosas que volvan chamar a atención sobre cidades como a Coruña, dotadas de grande atractivo turístico. Iniciativas como a Escape City Box da Coruña, que se lanzará en breve, dan a posibilidade de percorrer as rúas da cidade como nunca antes se fixera: resolvendo un -ficticio- caso de asasinato.

El Asesino de la Máscara é, segundo os seus creadores, un «Escape Room Urbano que se xoga como unha película en primeira persoa polas rúas da cidade». O xogo converte a Coruña nun espazo de escape room a grande escala, onde con axuda dunha aplicación móbil e a caixa do xogo se pode converter no escenario dunha película de misterio. Unha alternativa para redescubrir a cidade coa familia ou cos amigos nunha frenética caza ao asasino de dúas horas de duración. O formato chega tamén a Vigo e a Santiago.

A Coruña pasa a ser así unha «escape city» que aumenta as sorpresas que pode agochar unha «escape room» ao uso. A trama segue a un misterioso asasino que deixa os corpos das súas vítimas en zonas emblemáticas da cidade. A persecución do criminal serve así como escusa para achegarse e coñecer máis a fondo, grazas á información da propia app, os puntos máis emblemáticos da cidade.

A aplicación (para Android e iPhone) dá acceso á historia, vídeos, mapas e todo tipo de minixogos e pistas. O xogo oriéntase a un número máximo de catro persoas, aínda que pode facerse competindo entre varios equipos para xuntar máis xogadores. Trátase de atrapar primeiro ao misterioso asasino e, á vez, coñecer con novos ollos a cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *