A licitación da reforma do centro García Sabell aprobarase mañá

Compartir

A Xunta de Goberno local aprobará mañá a licitación da reforma integral do centro asociativo Domingo García Sabell cun orzamento de 622.699 euros, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O prazo de execución  das obras será de 16 semanas.

Tamén se aprobará a adxudicación ao estudo ARA Arquitectos do proxecto de redacción das obras de construción do edificio de 50 vivendas de promoción oficial na parcela  Z-37 no barrio de Xuxán por un importe de 329.120 euros. A alcaldesa, Inés Rey, asegura que con esta promoción o Concello dálle resposta a un compromiso coa cidadanía despois de 14 anos sen que se proxectara ningunha promoción pública de VPO no termo municipal.

Ademais, a XGL aprobará un convenio para desenvolver un polígono urbanístico na avenida do Ferrocarril polo cal se cederá o edificio de Conde Medín ao patrimonio público da cidade e obterá dúas zonas verdes nese mesmo espazo. Ademais, un 10% das vivendas que se construirán serán de protección oficial. O acordo resulta dunha sentenza xudicial que estableceu que o solo pasou de ser urbano non consolidado a urbano consolidado.

Na mesma sesión a Xunta de Goberno Local autorizará suspender o servizo municipal de transporte público por tranvías con efectos desde o 7 de xullo do 2011, data en que a compañía deixou de prestar o servizo a petición da administración local. O Goberno local acadou un acordo coa compañía e aboará a cantidade de 489.896 euros correspondente aos gastos ocasionados pola suspensión do servizo dende o 7 de xullo de 2011 ata o 31 de decembro de 2019, máis a factura pola prestación do servizo desde o 1 de xaneiro ata o 6 de xullo de 2011. O Concello recibirá todo o mobiliario, tranvías e obxectos existentes na nave municipal en que se custodiaba por parte da empresa concesionaria.

Doutra banda, a Xunta de Goberno Local autorizará o proxecto para mellorar a accesibilidade no itinerario entre a avenida Peruleiro e a rúa Barcelona cun orzamento de 609.000 euros. A actuación contempla a renovación das rúas Julia Minguillón e Fanny Garrido, e parte das rúas Manuel Deschamps, Almirante Mourelle e Páramo. Con este proxecto, o Goberno local pretende acometer unha mellora e modernización da zona coa ampliación de espazos para as persoas co fin de mellorar a visibilidade sobre os pasos peonís. Tamén se instalarán novas luminarias co obxectivo de de mellorar a eficiencia enerxética. Instalarase mobiliario urbano e plantaranse árbores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *