Volve o Entroido con tradición e novidades

Compartir

Unha programación completa para unha festa anual chea de cor e fantasía. O Entroido coruñés volve un ano máis encher de ilusión as rúas da cidade. ‘Quen queira troula que me siga’ é a orixinal homenaxe ás palabras de María Pita no deseño da coruñesa Rosa Triay que o Concello escolleu para imaxe da festa. As concelleira de Festas e de Benestar Social, Diana Cabanas, sinalou que «as persoas protagonistas desta festa popular serán as coruñesas e os coruñeses». A programación arrinca mañá co Concurso da Orella de Radio Voz. O sábado terá lugar o concurso de comparsas, en modalidade de música e letra, ás 18.00 horas no Teatro Colón, onde sete agrupacións amosarán as súas creacións e para a que se repartirán convites, un máximo de dous por persoa, desde hoxe no quiosco da praza de Ourense.

O Xoves de Comadres terá lugar ás 20h unha ofrenda floral ás cigarreiras, e un percorrido en tributo «ás nosas mulleres, que pasará pola estatua de Pardo Bazán, o Teatro Rosalía, a praza de María Pita e as rúas máis céntricas», sinalou Cabanas.

O programa completo inclúe eventos como a exaltación á filloa, o torneo choqueiro de petanca do martes pola mañá, a entronización do deus Momo o venres no Obelisco, ou a ofrenda floral a Nito ás 19:30h do mesmo día na avenida Pedro Barrié de la Maza. A noite do mesmo venres instaurarase en Monte Alto o velorio da sardiña no Art T Cafñe de Santo Tomás. O sábado será a quenda das carrozas co desfile no que participan 27 grupos que loitarán polo premio ao mellor vestiario e mellor coreografía. A saída será ás 17:30h do Cantón Pequeno, e rematará coa cumbia da Orquestra La Ocaband en María Pita. Cabanas destacou a xornada do martes, que empezará ás 12.45 horas «cando nos despracemos a tributar os grandes de noso Entroido. Non quixeramos que fose tan cedo, pero este ano engadímoslles un novo nome aos mellores choqueiros que xa non están. Fernando Amaro recibirá unha homenaxe moi sentida na rúa Areal, xunto ás de Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato ‘Palau'».

Pola tarde, a festa trasladarase á Torre «na rúa e no escenario, ao que se subirán as persoas participantes dos concursos individuais e colectivos de disfraces», nunha cita á que Gandy e a Banda do Camión lle poñerán ritmo e que terminará coa entrega de premios dos certames, ás 21h. A despedida do Entroido terá lugar o mércores co tradicional enterro da sardiña en Santo Amaro.

Unha das maiores novidades deste ano é o «Tramo sen ruído». A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, referiuse a este para describilo como un anaco do desfile do sábado en silencio para favorecer a inclusión das nenas e nenos con hipersensibilidade acústica, «unha materia obrigatoria a da inclusión e a de darlle visibilidade a un problema que está detrás dunha cortina».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *