Veciños do Agra do Orzán acoden ao pleno para defender o parque

Compartir

O parque do Agra é unha antiga reivindicación veciñal que volve estar de actualidade a raíz do proxecto que hoxe somete a pleno o Goberno local. O executivo defende unha proposta de edificación que reserva espazos para zonas verdes, construíndo novos edificios de vivendas pero reducindo a superficie edificable prevista polo anterior Goberno. Sen embargo, para a veciñanza a proposta segue sendo insuficiente para dar resposta ás necesidades de lecer dunha área onde viven, en apenas 4 quilómetros cadrados, 29.000 persoas. Unha das maiores densidades de poboación do mundo, recordan desde a Asociación Veciñal Agra do Orzán.

Goberno e veciñanza vense cara a cara no pleno de hoxe, na concentración en María Pita que coincide coa xuntanza da corporación e na propia sesión plenaria. Para María Gutiérrez, presidenta da Asociación, esta mobilización é “para que nos escoiten”, xa que o barrio está a demandar “algo básico, non un luxo nin un capricho”. “Non temos absolutamente ningunha zona verde”, lamenta.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, defende a proposta do Concello por obrar de conformidade con sentenza xudicial que obriga a modificar a distribución urbanística do Parque do Agra. Trátase dunha modificación puntual do Plan Xeral “motivada pola necesidade de executar unha sentenza sobre a parcela que anteriormente ocupaban as Adoratrices”, explica. O Concello está, segundo o responsable de Urbanismo, facendo o posible para reducir a edificabilidade á vez que cumpre coa obriga xudicial. Un complicado equilibrio onde se constata que “non se pode suprimir” por completo a edificabilidade porque “comportaría custos inasumibles” para o Concello, que os informes preliminares sitúan en arredor de 15 millóns de euros en primeira instancia. “Xa temos experiencia nese sentido”, asegura Díaz Villoslada, polo que “optamos por tratar de minorar a edificabilidade na medida do posible, pasando de 40.000 a 20.000 metros cadrados, tratando de equilibrar aspectos como a dotación de espazos e servizos para a veciñanza do barrio”.

Pero na asociación veciñal non comparten que o custo sinalado polo Goberno local sexa realmente inasumible. “Non sabemos por que é imposible se hai vontade”, replica María Gutiérrez, para quen se trata dunha “reivindicación de hai moitos anos que enriquecería a zona”. Asegura que o Concello pode asumir os custos de permutas ou indemnizacións, habida conta de que “está a asumir obras máis custosas” e “sempre existe a posibilidade de permutas noutras zonas”. Un argumento, pois, o económico, que non convence a unha veciñanza para a que “supón moito” contar cun espazo verde que osixene un barrio “de rúas estreitas e espazos cementados onde non hai onde reunirse nin onde descansar a vista”.

Díaz Villoslada fai fincapé na función social do proxecto xa que a previsión do mesmo é dun 40% de vivenda de protección social. Gutiérrez asegura que o barrio non ten necesidade dun grande volume de novas vivendas, ao non atoparse inmerso nun proceso destacado de chegada de novos residentes. “Na Coruña hai unha enorme bolsa de vivenda baleira”, indica. O ano pasado, un estudo da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias daba unha cifra dun 14% de vivendas baleiras no municipio, arredor de 19.283 de 135.000, unha cifra relativamente baixa no contexto galego. A cifra é idéntica á que dá o IGE con datos de 2011.  

Outras iniciativas polémicas
Non é a primeira vez que a veciñanza xulga como inadecuada una intervención urbanística no barrio. A presidenta da asociación veciñal lembra como en 2013, durante o goberno de Carlos Negreira, a praza das Conchiñas foi remodelada para deixala convertida “na superficie dun aparcadoiro subterráneo”. Naquel momento, o Concello tallou as árbores e instalou uns aparellos de ximnasia de rúa “que ninguén usa”, afirma. O resultado foi “unha praza na que non hai ninguén porque cando chove móllaste e cando vai sol non se para coa calor”, e onde a instalación de varias alturas dificulta mesmo eventos como mercadillos ou festivais. O Agra do Orzán está versado en decisións que non tiveron en conta aos veciños.

A proposta do Goberno
O actual Goberno está a xestionar una situación herdada “practicamente desde os anos 90”, recorda o responsable Urbanismo. A sentenza é de obrigado cumprimento e, ante a reclamación veciñal de cero edificabilidade, o edil entende que “entre todo e nada, encontramos o punto máis equilibrado posible” para unir as necesidades do barrio co mandato xudicial. A proposta municipal resulta do proxecto aprobado en maio de 2019 na xunta de goberno local, sometida logo ao tramite de aprobación ambiental “do que derivaron informes que aconsellaban tratar de minorar a edificabilidade nalgúns aspectos”, explica. O que o Concello leva hoxe a pleno “é a execución da sentenza e a ordenación do polígono”, preservando espazos como o Observatorio e “procurando que exista o maior espazo público posible”. Arredor de 20.000 metros cadrados que na asociación Agra do Orzán temen que sexan na práctica menos. “Non deixa de ser unha urbanización con algunha zona verde”, opina María Gutiérrez, asegurando que “iso non é o parque” e sinalando que con vaos e garaxes de vivendas o propio parque perderá espazo útil. Denuncia que “os metros de zona verde» -actualmente presentes no barrio- «non cobren ningún mínimo normativo”.

A reclamación veciñal bebe dunha sensación de desatención. Lembran iniciativas “estupendas” que fai o Concello como as actividades ao aire libre “en primavera e verán en zonas como Vioño ou Riazor” que no Agra resultan imposibles por falta de espazos. Queren dispor de infraestruturas dese tipo preto da casa.

O edil de Urbanismo asegura que traballan nesa dirección, para que o polígono “dispoña de espazos e dotacións públicas para mellorar servizos á veciñanza”. Recorda que ao tratarse dun proxecto de iniciativa municipal, logo da aprobación definitiva o Concello pode comezar “a urbanizar e habilitar os espazos verdes con máis axilidade”. Comprométese a que “este proceso de urbanización sexa o mellor para a veciñanza” e esta así o perciba. “Esforzarémonos pola mellor calidade urbanizadora”, conclúe. De momento, o pleno municipal é o escenario dun desencontro onde a oposición non adianta o sentido do voto e a veciñanza faise oír, mentres o Goberno tenta cadrar o aspecto normativo coas necesidades veciñais. As posturas, por agora, diverxen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *