A ampliación do CHUAC sobre a mesa

Compartir

Modificar a disposición do hospital co obxectivo de reducir o impacto sobre as vivendas afectadas en Eirís, desprazando os ámbitos de crecemento do hospital cara ao norte. Esa foi a proposta que o Goberno local puxo sobre a mesa na reunión que mantiveron esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, e mais o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acompañados polo concelleiro de Infraestruturas Juan Díaz Villoslada, a súa homóloga autonómica Ethel Vázquez e persoal técnico de ambas as dúas administracións.

A xuntanza, que a rexedora considerou «positiva», será a primeira de varias que se prolongarán durante as próximas semanas. A posición do Concello foi a de instar a modificar o proxecto para reducir o impacto sobre as vivendas e as expropiacións de carácter residencial, se ben a alcaldesa deixou claro que a proposta municipal está aberta a modificacións. O proxecto atópase, segundo a rexedora socialista, «nun estado «case embrionario» para que sobre esa base «ambas as administracións» empecen a traballar «coordinadamente para que exista un único proxecto». Rey engadiu que «nas vindeiras semanas» comezará a estudarse o borrador do convenio que recolla as obrigas de cada administración respecto á construción e infraestruras necesarias, e traballarase nunha «mesa máis técnica con propostas máis técnicas».

En resumo, a alcaldesa considerou que estamos «no período de analizar posibles solucións e minimizar os impactos» para determinar escrupulosamente «cantas vivendas estarán afectadas». Reiterou o compromiso municipal para «que esa afectación sexa mínima», se ben sinalou que «haberá expropiacións» xa que a «localización do hospital» fainas necesarias. «Trataremos de que sexan de mínimo impacto», prometeu.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *