Que di do teu barrio o orzamento municipal?

Compartir

O Pleno municipal do pasado xoves, 9 de xaneiro, aprobou un orzamento xeral para o ano 2020. Co apoio da maioría dos grupos da corporación, o proxecto contempla un investimento de 260 millóns de euros con actuacións descentralizadas por toda a área municipal. O  Goberno local destaca os catro eixes do proxecto: a reactivación económica asentada no benestar social, a expansión do gasto público, a distribución por barrios do investimento e as políticas da igualdade. É precisamente no terceiro apartado onde o Concello fai especial fincapé na necesidade de acadar o conxunto do territorio coruñés, nunha estratexia de integración económica, de infraestruturas e servizos.

A base do proxecto orzamentario atópase no acordo a tres bandas ao que chegou o Goberno local co BNG e Marea Atlántica o pasado 23 de decembro, onde se definiron unha serie de liñas mestras. O acordo incrementará as partidas de persoal nos departamentos de maior importancia do Concello -como aqueles relativos aos servizos sociais- e fará aumentar o investimento social. Este último estará nucleado en torno a sete áreas concretas: a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar, das partidas de emerxencia e renda social, a creación de novas prestacións -como un servizo de lavadandería ás persoas maiores de 80 anos que poderá ter preto de 200 beneficiarios-, a aposta en programas contra a soidade destas persoas, a posta en marcha dun Plan de Inclusión Social, o incremento da dotación dos campamentos e a potenciación do servizo de canguraxe.

Dentro desta dinámica de énfase nos aspectos sociais dos orzamentos, o Goberno Local asegura que establecerá a gratuidade das escolas infantís municipais e que consolidará os programas educativos e as bolsas de estudo no estranxeiro. Tamén, que aumentará os recursos para políticas de igualdade co horizonte de atinxir, en 2023, o 1% do orzamento municipal.

Centros educativos
O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, sinalou en declaracións aos medios que se encargarán os proxectos de dúas novas escolas infantís, no Ofimático e entre os Mallos e Vioño -combinándose, esta última, cun centro de día-.  “Destinaremos máis de 800.000 euros ao financiamento de obras en colexios e escolas infantís, para impulsar en 2020, con carácter plurianual, intervencións pendentes no CEIP María Pita, o CEIP Raquel Camacho, o CEIP Sanjurjo de Carricarte, o CEIP San Francisco Xavier e a EIM Os Cativos, entre outros centros”, sinalou. Para o Concello, moitas destas actuacións deberían ser asumidas polo Goberno autonómico. Sen embargo, denuncian na Xunta de Galicia unha “deixación de funcións no seu plano competencial” e aseguran que “ten discriminada a cidade da Coruña no mantemento e na mellora dos centros educativos”.

O Goberno local asegura buscar o «equilibrio territorial» entre os barrios da cidade

Pero é o “equilibrio territorial” da cidade un dos factores que o Goberno local sinala como capitais no desenvolvemento do proxecto. Para o executivo, “as numerosas actuacións que se estenderán aos diferentes barrios da cidade permitirán contribuír ao desenvolvemento económico”.

Actuacións nos barrios
En Durmideiras, rehabilitarase o mercado, proxecto que será licitado no primeiro semestre de 2020. Tamén se procederá a mellorar a accesibilidade da praia de San Amaro con financiamento EDUSI.

En Monte Alto e nas Atochas rehabilitarase o mercado de Monte Alto, e continuarase o Camiño do Vixía no cruzameto de Verea do Polvorín coa rúa Santo Tomás. Tamén se rehabilitará a Bágoa de San Roque.

Na Cidade Vella, implementarase un plan de revitalización, así como obras de urbanización en Cortadoría Damas, Rosario, a segunda fase de Mestranza e o contorno da Fundación Luís Seoane. Do mesmo xeito, equiparanse as Naves de Metrosidero.

Na Pescaría e Orzán, prevese a reurbanización de Panadeiras e da contorna de San Agustín, cun proxecto que ligará ambos espazos. Estase a estudar a posibilidade de adquirir o edificio do Arcebispado de Oviedo na propia rúa Panadeiras. É de destacar tamén a redacción do proxecto para reurbanizar os Cantóns, co obxectivo de abrir o porto á cidade.

Os orzamentos prevén abrir o porto á cidade.

Entre as actuacións previstas no Ensanche e en áreas como a praza de Pontevedra, o parque de Santa Margaridade ou As Pontes, contémplase a demolición do viaduto da Rolda de Nelle, durante o primeiro semestre do ano. Tamén se procederá a reurbanizar a rúa Pintor Joaquín Vaamonde.

En canto ás áreas de Cidade Escolar, Tolerancia, Labañou e vivendas de Maria Pita, os orzamentos planean a construción dunha área deportiva multideporte e un parque biosaudable a carón do parque infantil. Rehabilitarase o Hórreo de San Roque e construirase o carril bici entre o Paseo de Ronda e Gregorio Hernández. Pola súa banda, a veciñanda de María Pita recibirá en breve o proxecto de reurbanización do espazo público e do grupo de vivendas.

Nos Rosales, dáse luz verde ao Bosque das Cinco Illas con financiamento EDUSI. Este proxecto converterase na terceira zona verde da cidade en superficie, con especial énfase na recuperación de especies autóctonas de flora. Ademais, os orzamentos prevén a reurbanización do Camiño do Cura.

Na Agra de Orzán, remodelarase a praza das Conchiñas e reurbanizarase a rúa Pascual Veiga. O Goberno local estuda a posibilidade de ampliar as hortas urbanas, e existe un estudo técnico para a rehabilitación do Muiño da Gramela.

En Ventorrillo e na Silva levaranse a cabo traballos de mantemento da glorieta de Alcalde Jaime Hervada na interesección co acceso á Silva. O Centro Civico da Silva será remodelado.

En Sagrada Familia continuarase o proxecto de ampliación da biblioteca. Renovarase a rúa Río Ulla e reformarase a praza da Igrexa de San Rosendo.

Para os Mallos, o orzamento prevé a asistencia técnica para a redacción do proxecto da escola infantil e o centro de día entre Vioó e Sagrada Familia. A necesidade de dotar de acceso á estación intermodal fai necesarias obras na avenida do Ferrocarril. Tamén se contempla reurbanizar a rúa Puga y Parga e a rúa Pardo de Cela con cadanseu carril bici.

En Catro Camiños e San Pedro de Mezonzo, continuaráse o proxecto para unha pista de skate baixo o viaduto.

A obra do complexo deportivo en Castrillón executarase con estes orzamentos. Tamén se encargará o proxecto de urbanización do espazo libre do rueiro de José María Hernán Sáez. En materia de accesibilidade, resolverase a situación do centro de saúde e Carricanta. A nivel xeral, estudarase a posibilidade de accións de mellora da accesibilidade en todo o barrio. Por último, o Goberno local prevé reurbanizar a rúa Rafael Bárez.

Para Eirís, a previsión é executar as obras do campo de fútbol por valor de algo máis dun millón e medio de euros, así como rexenerar o núcleo de Eirís de Abaixo e proceder ao saneamento do Foxo. Abrirase a rúa Terranova para conectala coa Avenida.

No Parque Ofimático continuará a urbanización do barrio, e buscaranse solucións alternativas nunha mesa técnica coas persoas afectadas de San Vicente de Elviña. Estudarae unha escola infantil e executarase o viario Santa Teresa de Jornet, para conectala con OFimático. A fonte dos caños será rehabilitada.

En Matogrande acondicionarase a zona de esparexemento da parcela da planta de GLC, cualificada no vixente PXOM como espazo libre. No Barrio das Flores prevese redactar o Plan Director no comezo deste ano, e mellorar a urbanización da praza central. En Monelos e Elviña, o Gobermo local mellorará o aparcamento da Praza Isaac Díaz Pardo, e rehabilitará o edificio García Sabell a través de fondos DUSI.

Unha posible área deportiva multideporte é un proxecto que o Concello estuda para San Pedro de Visma, onde prevé mellorar as beirarrúas para acabar coas barreiras arquitectónicas. Así mesmo, haberá obras na rotonda de cruzamento coa estrada provincial DP-3003. Para Novo Mesoiro, está proxectada a creación dunha biblioteca pública e estudarase dotar dunha zona cuberta a zona verde, así como reorganizar as áreas de xogo para todas as idades.

En Oza, Gaiteira e os Castros, o orzamento prevé pérgolas cubertas en San Diego, no Parque de Oza e no Parque Europa, así como o mantemento e desenvolvemento das beirarrúas entre Casablanca e o centro de saúde Monte das Moas. Melloraranse as beirarrúas de Montes e San Diego, así como Carballo e González Chas.

O Centro Deportivo da Fábrica de armas en Palavea será dotado economicamente cos orzamentos aprobados o xoves. A vocación ambientalista do proxecto queda de manifesto nos traballos na senda fluvial de Río de Quintas e nas hortas urbanas. Instalaranse paneis informativos nas paradas de autobús.

Na Zapateira prevense varias intervencións de saneamento. É o caso da rúa Bordeos, a rúa Venecia e a rúa Helsinki. En Bens reporase o firme e mellorarase a seguridade na estrada e na área de xogos. No Campanario tamén se mellorará o firme, na Praza Central, e instalaranse lombos de seguridade ao longo da rúa Barracóns.

En Feáns reurbanizarase o Camiño de Campos e ampliarase o centro cívico, que será obxecto de mellora. Continuarase co ambicioso proxecto do Bosque de Breogán. En Nostián desenvolverá unha nova fase de reurbanización. En Mesoiro Vello actuarase no Campo da festa para unha zona de lecer. En San Vicente de Elviña crearase un parque infantíl onda o Relámpago, e reurbanizarase o lavadoiro e a praza. En Monte Mero, estase a valorar economicamente unha rede de sumidoiros no foxo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *