Pechan os parques infantís da cidade

Compartir

Ante a declaración do Goberno central do estado de alarma durante 15 días para conter a expansión da pandemia do coronavirus, o Goberno local volveuse reunir hoxe para adoptar unha serie de medidas para a contención . Estas medidas poderían ser máis restritivas despois do Consello de Ministros que terá lugar mañá.

Entre elas, destaca o peche inmediato dos parques infantís e o peche da terminal e as oficinas da estación de autobuses, aínda que se mantén o servizo de transporte nas plataformas co obxectivo de levar a cabo unha esterilización deste espazo nas próximas horas.

Por outra banda, cancélase a X Carreira Popular Torre de Hércules – II Carreira e Andaina Solidaria #QUERÉMONOSVIVAS que se celebraría o vindeiro 28 de marzo. Tamén se cancela a Hora do Planeta, o 28 de marzo, aínda que os edificios institucionais e monumentos apagaranse por este motivo.

O Concello aclara que as actividades extraescolares están canceladas desde hoxe. No ámbito educativo e social, informa de que os comedores sociais de San Pedro de Visma e de Monte Alto serán clausurados aínda que se prestará servizo á poboación servíndolles a comida no recinto para que a leven aos seus domicilios. Para o alumnado con bolsas comedor, os comedores dos colexios públicos tamén darán o servizo de recollida de alimentos nas conserxerías destes centros que estarán coordinados coas empresas que prestan este tipo de servizos. O servizo que se prestará para o Talón Restaurante Municipal funcionará do mesmo xeito xa que terán que recoller os seus alimentos e consumilos nos seus fogares.

Respecto ao centro de orientación familiar, suspéndese a súa actividade agás para asistencias urxentes como interrupcións voluntarias do embarazo ou consultas de alta urxencia. No CIM as consultas realizaranse pola vía telefónica e realizarase unha cobertura especial en caso de que algunha usuaria teña que ser acompañada. O servizo de axuda a domicilio pecha as súas oficinas (OMADAP), pero mantense o servizo telefónico.

Canto ao servizo de rúa para asistir ás persoas sen teito, entregaránselles medidas de autoprotección como as que se porán en marcha nos comedores sociais. Ademais, a Concellería de Benestar Social estará en contacto permanente con estas persoas para asistilos ante calquera tipo de situación de urxencia. O servizo de canguraxe péchase nos centros cívicos pero estase a estudar a posibilidade de que habilitar o servizo a domicilio para casos excepcionais.

Por outra banda, os mercados municipais adoptarán medidas para evitar a propagación do Covid-19 como a restrición do número de usuarios, existencia de equipos de protección, limpeza profiláctica e manter unha distancia prudente evitando o contacto directo entre os/as praceiros/as e a clientela. Este plan de protección xa foi enviado aos mercados coruñeses e poñerase en marcha hoxe mesmo.

No eixo do transporte público, estase realizado a desinfección diaria dos autobuses e a empresa concesionaria activará medidas para limitar o número de pasaxeiros e a distancia dentro dos vehículos públicos. A recomendación do concello para os comercios, grandes superficies comerciais e locais de hostalaría e restauración privados é que sigan as instrucións do Goberno do Estado e da Consellería de Sanidade para evitar as aglomeracións de persoas e a propagación do virus.

Estas medidas estarán vixentes durante 14 días, é dicir, ata o vindeiro 27 de marzo pero non se descarta establecer prórrogas.

É importante recordar á veciñanza que que o teléfono de información e atención para o coronavirus é o 900 400 116. Para solicitar información das actividades e medidas municipais debe chamarse ao 010 e en caso de emerxencia sanitaria doutra índole o número de teléfono sería o 061.

O decreto pode consultarse na páxina web que o concello acaba de crear específicamente para informar á veciñanza desta situación de crise e que está operativa desde onte á noite: https://www.coruna.gal/web/gl/actualidade/coronavirus

Na súa intervención no pleno extraordinario de hoxe, a alcaldesa lembrou as decisións tomadas hoxe polo Goberno local e informou de que «se está a traballar de maneira intensa para ir minuto a minuto tomando as deicisións que sexan oportunas de cara a solventar os problemas que van xurdindo».

Rey expresou que «o Goberno municipal continúa a traballar para de xeito externo enviar unha mensaxe de tanquilidade á poboación e de xeito interno garantir a seguridade dos traballadores e traballadores municipais e a prestación dos servizos públicos básicos para a veciñanza. En caso de que por parte das autoridades sanitarias se adopten medidas máis restritivas para a poboación, existe un plan de contixencia e solucións de urxencia e emerxencia para dar resposta a situacións extremas como pode ser un caso de confinamento».

A rexedora quixo facer unha reflexión: «Non é o momento de facer política con isto senón o momento de ter altura política e debemos ser os primeiros en dar exemplo. Póñome a disposición de toda a cidadanía».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *