Sen plans para revertir a venda dos soares da Maestranza

Compartir

A reversión da venda dos soares da Maestranza non entra nos planos do Goberno de España. Esa é a idea que se desprende da reposta que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, remitiu ao executivo de Pedro Sánchez.  A venda dos dous soares do Campo da Estrada por parte do INVIED a un promotor privado, malia a oposición do pleno municipal do Concello, que te reiteradamente ten a súa cesión gratuíta á administración local, non vai ser revertida, segundo recoñece implicitamente o Goberno central.


O Goberno do Estado reitera que o estatuto do Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) o incapacita para transferir de maneira gratuíta os bens desafectados que recibiu do Ministerio de Defensa. Na pregunta, Néstor Rego interesábase por saber se o Goberno estaba disposto a «esgotar os mecanismos ao seu alcance» para reverter a venda e ceder os soares de maneira gratuíta ao Concello da Coruña. O Executivo estatal non responde, pero, para o BNG, «en realidade si existen eses mecanismos». Os nacionalistas soteñen que o INVIED «pode ceder os bens a outro organismo estatal (e este transferilos ao Concello da Coruña) ou ben o Congreso pode aprobar unha lexislación especial». O BNG lembra que este foi o caso do Castelo de Montjuïc en Barcelona, que permitiu a cesión de balde ao executivo local. O Goberno non se pronuncia sobre esta posibilidade.

Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Concello, considera que o problema non é xurídico, senón de «vontade política». O BNG considera que o Goberno «carece da necesaria disposición para dar cumprimento aos reiterados pronunciamentos do Concello da Coruña a prol da devolución gratuíta dos soares». O pasado mes de novembro foi aprobada por unanimidade no pleno unha moción do BNG e a Marea Atlántica trasladando unha iniciativa de Defensa do Común nese sentido.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *