O Concello e a Universidade da Coruña repararán o camiño entre o campus de Elviña e a Zapateira

O Concello e a Universidade da Coruña repararán o camiño entre o campus de Elviña e a Zapateira
Compartir

A UDC e o Concello da Coruña farán ó longo deste verán unha serie de obras para reparar o vial entre Elviña e a Zapateira, e que incluirán ademais a creación dun carril bici. A obra constará de varias fases, e tratará de restaurar unha zona, a contorna da Escola Técnica Superior de Arquitectura e da Facultade de Ciencias, moi deteriorada debido ás escorrentías subterráneas, que destrozan o chan.

Porén, non é a única obra que se levará a cabo. O recinto do edificio NORMAL abrirase ao público, cando se substitúa o peche perimetral que o rodea con bancos e árbores. Derrubarase o peche do edificio, e tamén se repositará parte do pavimento. Ambas obras, que contarán cun orzamento de 120.000 euros, levaranse a cabo en verán para non alterar o tráfico e a vida da cidade e da propia vida universitaria, moito menos acelerada nestas datas.

O Pleno municipal, ademais, tamén aprobou o estudo dunha posible ampliación do Centro de Investigación Tecnolóxica da Información e das Comunicacións (CITIC), no campus de Elviña. A ampliación realizarase no espazo existente entre os dous edificios que o compoñen, para crear novos laboratorios e espazos comúns que melloren as capacidades do edificio.