O BNG pide cumprir co Estatuto das Electro intensivas

Compartir

Desacordo dos nacionalistas co Estatuto de Industrias Electrointensivas. O documento «non permite sentar as bases dunha tarifa eléctrica estábel e predicíbel nin garante que as empresas vaian manter o emprego e as condicións laborais das traballadoras e traballadores», afirmou este luns a concelleira do BNG Avia Veira, lembrando que se trata dun decreto aínda sometido a posibles alegacións.


Durante a súa intervención na tertulia de Intercoruna, Veira reclamou do Goberno central a toma en consideración das alegacións dos sindicatos. «O Estatuto de Industrias Electrointensivas necesariamente ten que garantir o mantemento dos postos de traballo por parte das empresas», alegou a concelleira do BNG. A nacionalista lembrou que o PSOE prometeu, no acordo que asinaron cos nacionalistas galegos para a investidura de Pedro Sánchez, aprobar un marco regulatorio para as industrias altamente consumidoras de enerxía que «asegurase unha tarifa eléctrica xusta e blindase o emprego». Sen embargo, para o Bloque «o borrador do Estatuto non é en absoluto satisfactorio» xa que «non resolve ben a compensación polas emisións de C02, nin libera a factura dunha parte importante dos custos alleos ao sistema».

«É un problema que os baixos comerciais se convertan en vivendas»
Avia Veira tamén valorou a conversión de baixos comerciais en vivendas logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase a semana pasada que o baixo de catro edificios se puidesen habilitar como vivendas. «O acordo de investidura que asinamos co PSOE en María Pita contempla a creación dun banco de baixos comerciais», recordou Avia Veira, para quen «fan falta» este tipo de locais para dinamizar e dotar de servizos os barrios. O BNG reclama a posta en marcha dun banco público de vivendas do Concello en réxime de aluguer, salientou a edil nacionalista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *