Área Viva para comercios vivos

Compartir
Olga Pastor

A asociación de comerciantes Área Viva , da avenida de Finisterre, naceu en marzo de 2004 para fomentar o asociacionismo entre pequenos e medianos comerciantes da zona. O obxectivo: reinvidicarse, dinamizar a área delimitada pola rúa Médico Rodríguez e o Paseo das Pontes e profesionalizarse para competir coas grandes superficies comerciais que teñen proliferado pola cidade. Á fronte deste colectivo está Olga Pastor, unha empresaria nova que, con ilusión, imaxinación e tamén moito traballo divulga entre os seus compañeiros de comercios próximos as vantaxes de traballar unidos e a importancia de recuperar os clientes do barrio.

Olga Pastor está convencida de que é posible “crear unha estratexia” que permita influír nos potenciais compradores, para que desfruten de novo das tendas e comercios de barrio. “A profesionalidade e o trato directo que podemos dispensar é dificilmente reproducible polo persoal que habitualmente se contrata para traballar nunha grande superficie”, explica. E de feito, sinala cara esta dirección por considerar que se trata da “principal baza” que pode xogar o comercio local fronte ás grandes cadeas.

Un paseo pola empinada avenida de Finisterre implica cruzarse con moita xente de paso. Non é casual, pois esta vía está moi próxima das concorridas prazas de Pontevedra e a unha das arterias máis comerciais da cidade, a rúa Juan Flórez. Tamén está ao lado do parque de Santa Margarita. É unha zona de abundantes comercios, algúns con grande soleira. Tendas de moda, decoración, oficinas de compañías de seguros, despachos profesionais, tendas de alimentación, os tradicionais ultramarinos, ópticas, axencias de viaxes…

É o amplo abano de negocios que hai na zona. E a presidenta da asociación explica que o colectivo é unha mistura de “comercio tradicional e novas iniciativas comerciais”. Así, neste lugar pódense atopar dende un dos ultramarinos máis antigos da cidade -Ultramarinos Iglesias- ata negocios de deseño de páxinas webs e telefonía móbil. “Somos poucos, pero moi ben avidos”, explica Olga Pastor.

Os veteranos Ultramarinos Iglesias

Na zona que abarca Área Viva percíbese un tránsito de vehículos e persoas fluído e constante. Os viandantes camiñan con calma, parándose nos escaparates. Con confianza e familiaridade, diríxense aos comercios para preguntar algunha característica dos produtos do seu interese e o prezo dos mesmos. “As accións que fomentamos dende a asociación van encamiñadas precisamente a isto. A facer que o cliente se sinta cómodo, como na casa”, asevera a presidenta da organización.

A Asociación Área Viva elixiu o seu nome asociándoo a un obxectivo, á meta de conseguir que o barrio sexa unha área en desenvolvemento, en crecemento constante. Pastor lanza un alegato aos comerciantes do barrio: “temos que traballar máis, unirnos e coordinadr esforzos entre todos”. Reivindica isto porque “unha asociación é máis forte e funciona mellor cando os seus membros traballan e participan dun xeito comprometido, de forma regular e non de cando en vez”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *