A Asociación Veciñal Agra seguirá reclamando o parque

Compartir

A Asociación Veciñal Agra convidou hoxe «a reflexionar» á alcaldesa, Inés Rey, e ao concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, logo de non resultar aprobada en pleno o seu proxecto para o Agra de Orzán que non contemplaba eliminar a edificabilidade nos terreos onde a veciñanza reclama un parque. A asociación «anímaos a traballar pola consecución dun parque no barrio da Agra empregando todos os medios de que dispón o Concello».

Durante o pleno onde se debateu e rexeitou a modificación puntual do PXOM no polígono M22, veciños da zona concentráronse diante do Concello e recibiron con alegría a noticia do fracaso da iniciativa municipal. “É unha alegría que se paralice calquera pelotazo urbanístico”, declarou María Gutiérrez Calvete, presidenta da asociación veciñal Agra: “Será un orgullo para a veciñanza da Agra que a procura dun parque no noso barrio sexa o primeiro paso para librar A Coruña do asedio especulativo”. A presidenta manifestou a vontade da veciñanza de continuar na reclamación o tempo que sexa necesario: “Mentres non constrúan nese ámbito, hai esperanza; por iso, non nos queda outra que rexeitar calquera proposta que avogue por edificar nel. Despois de cincuenta anos non vamos desesperar por algún máis con tal que se faga realmente un parque”.

A asociación lamenta «a evidencia de que sucesivas corporacións non se sentiron apremiadas por dotar dun parque a case 30.000 persoas; foi a sentenza sobre o solar das Adoratrices a que forzou tratar sobre este recuncho nos despachos de María Pita». Centran a súa crítica nos gobernos de Xulio Ferreiro e Inés Rey. Lembran que «os sucesivos planeamentos e as dúas últimas propostas foron reducindo edificabilidade», polo que agardan «que a seguinte proposta procure eliminala de vez». Identifican un grande número de «carencias no barrio», polo que reclaman «un plan integral de rehabilitación, a comezar por librar de edificabilidade o único espazo sen construír, e procurar fórmulas que habiliten con equipamentos públicos edificios xa construídos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *