‘A Cidade das Rías’ lembra o primeiro intento de conectar a Coruña con Ferrol

Compartir
A Cidade das Rías inspira o estudantado de Arquitectura da UDC

Xuntar a Coruña cun Ferrol nunha extensa área metropolitana que tamén incluiría Betanzos. Esa foi a idea central da Cidade das Rías, o ambicioso proxecto deseñado en 1968 polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat, finalmente nunca concretado. Esta iniciativa é o centro da mostra que a Escola de Arquitectura da Coruña acolle desde hoxe, baseada no libro A Cidade das Rías que a Deputación editou en 2018, no cincuentenario do «ambicioso e vangardista» proxecto que tería ligado definitivamente as cidades da área. O proxecto orixinal contemplaba a construción de dúas pontes, en Sada e Pontedeume, que terían ligado todo o norte da provincia.

A exposición conta con documentos orixinais e inéditos que foron recollidos no libro da Deputación, elaborado a partir dun longo traballo de investigación, que tamén recolle «a reflexión e análise realizados desde a perspectiva actual por expertos en temas como urbanismo, socioloxía ou arquitectura».

Esta mostra pretende homenaxear ao autor do proxecto, Andrés Fernández-Albalat. Un acto de recoñecemento tivo lugar hoxe na ETSAC, coa presenza de prestixiosos arquitectos coma Miguel Ángel Baldellou, César Portela e Javier Harguindey, quen lembraron a súa figura e as súas importantes achegas ao mundo da arquitectura.

Un tema aínda aberto
A organización urbanística da área do Golfo Ártabro é un tema que se reabre ciclicamente. A Cidade das Rías foi a primeira e máis ambiciosa proposta de planificación conxunta do territorio comprendido entre a Coruña e Ferrol. O proxecto de Andrés Fernández-Albalat Lois suscitou grande debate no seu tempo, e teñen continuado durante décadas as críticas e reflexións sobre esta cuestión, tanto no ámbito dos profesionais especializados como no dos medios de comunicación social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *